Ambar celebra cos colexios da comarca o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional

03 Decembro 2025

Malia a suspensión dos actos ó aire libre, Ambar, asociación inclusiva do Barbanza, quixo manter este mércores o espírito reivindicativo co alumnado de Ribeira a través de lecturas de manifesto, murais colaborativos e desfiles de paraugas deseñados.

Esta cancelación, tomada por razóns de seguridade e benestar ante a previsión de condicións meteorolóxicas adversas, non minguou o compromiso co Día Internacional das Persoas con Discapacidade (3 de decembro), optando por levar o espírito da mobilización directamente ós centros educativos.

Unha xornada de inclusión nos Colexios

Como alternativa, Ambar desprazouse en pequenos grupos a varios centros educativos que ían participar nas marchas para realizar as actividades previstas de maneira adaptada e a cuberto, garantindo a participación do alumnado e das persoas usuarias das asociacións.

As actividades, que comezaron arredor das 10:30 horas, centráronse nos seguintes eixes:

1. Lectura do manifesto. En cada centro, leuse o manifesto conxunto de Baixo Un Mesmo Paraugas para sensibilizar sobre os dereitos e a inclusión das persoas con diversidade funcional.

2. Acto simbólico e musical. Trala lectura, realizouse unha apertura colectiva de paraugas de cores (elemento central da campaña) ao ritmo da canción Mensajes del agua de Macaco, creando unha potente imaxe de unión e esperanza.

3. Actividades educativas. A xornada completouse con dinámicas participativas específicas en cada colexio. Por exemplo cun mural colaborativo, no que colaboraron centros educativos creando unha obra de arte de grandes dimensións, ou tamén cun desfile de cores no que participaron nenos e nenas realizando un desfile cos paraugas que deseñaron previamente para a ocasión.

Os colexios nos que se desenvolveron as accións foron o CEIP Fernández Varela, o CEIP O Grupo e o CEIP Artes. No CEIP O Grupo de Ribeira contouse ca presencia de María Sampedro, alcaldesa de Ribeira, e tamén estiveron presentes membros de A Creba, quen tamén participaron na lectura do manifesto.

Manifesto

Hoxe celebramos a décima edición de Baixo O Mesmo Paraugas.

Cando en 2016 decidimos unirnos para celebrar xuntos o Día

Internacional das Persoas con Discapacidade non podiamos imaxinar chegar tan lonxe.

Dez anos despois en Baixo O Mesmo Paraugas estamos unidas máis de 100 entidades sociais de toda Galicia.

O noso símbolo: o paraugas da igualdade, do respecto e da inclusión.

Porque somos diversos, pero non invisibles.

E hoxe, dez anos despois, queremos dicir ben alto: somos Xente 10.

Xente 10 para estudar, para traballar, para divertirse.

Para ter unha vida propia. Para disfrutar cos amigos.

Para bailar, para crear, para achegar novas ideas.

Xente 10 para amar.

Porque o noso talento é maior que a nosa discapacidade.

É un día para celebrar as nosas fortalezas e defender os nosos dereitos.

Todas as persoas, teñamos a condición que teñamos,

Debemos vivir con dignidade.

En España hai máis de 4 millóns de persoas con discapacidade e queremos que toda a sociedade escoite o que hoxe pedimos.

Reclamamos unha educación máis inclusiva, onde se respecten as diferenzas. Con centros que conten con persoal, recursos e apoios para todas as persoas.

Demandamos un apoio integral e real ás familias e persoas coidadoras.

Queremos que as administracións estean sempre ao lado das persoas que máis o necesitan e das entidades sociais, con financiamento e apoio permanente.

Necesitamos a garantía das administracións para unha sanidade e atención social de calidade.

Esiximos máis investigación e menos burocracia para as persoas con enfermidades raras ou aquelas que están pendentes dun diagnóstico.

Demandamos un sistema laboral que non exclúa e que ofreza oportunidades de futuro para todos.

Esiximos que se cumpra a normativa de accesibilidade, física e cognitiva, en todos os espazos, públicos e privados.

Debemos fomentar unha visión positiva e realista da discapacidade.

Rexeitamos calquera tipo de discriminación e estamos a favor dunha sociedade diversa e plural.

O mellor dunha sociedade é que todos somos diferentes, pero compartimos moitos bos desexos.

A ter traballo, parella, a estudar, a gozar dun concerto ou dunha película, a comer nun restaurante, a ir á praia, a ter amigos, a amar e ser amados, a ter familia, a ter a vida que realmente queremos.

Queremos gozar desa vida con total liberdade, que nos teñan en conta. Porque temos moito que aportar e moito que dicir.

Queremos seguir crecendo baixo este gran paraugas da diversidade.

Grazas por estar ao noso lado durante estes dez anos.

Co voso apoio seguiremos traballando por un futuro mellor e sen discriminacións.

Somos Xente 10. E xuntos, facemos unha sociedade de 10.

Outros artigos

Domingo 1, tempo seco con sol despexado en Santiago e nas Rías Baixas

Este primeiro de novmebro, Todolos Santos, Galicia continuará baixo o dominio do anticiclón situado sobre as Illas Británicas, o que asegurará unha xornada de estabilidade xeneralizada en boa parte do territorio. O día comezará con bancos de néboa e nubes baixas en...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Matemos la soledad” – Manuel Domínguez

“Matemos la soledad” – Manuel Domínguez

Matemos la soledad, el abandono. Somos conocidos o amigos de antaño. Hoy vivimos en soledad, y a veces en el abandono. ¿Tu casa o en la mía? Ambos o ambas tenemos casa, nos valemos por nosotros mismos, así pues juntémonos, y vivamos juntos compartamos la vida. Tu casa...

“Adiviña Número Tres” – Tonio Nóvoa

“Adiviña Número Tres” – Tonio Nóvoa

. Adiviña, adiviñador. . . Aparece á súa hora, sempre aparece:. sorriso medido,. lavado, nin unha enruga,. perfumado de brillos. e ventos de marca. . . Chucha a atención. . . Mírate aos ollos.. Pinta porvires sen sombras,. sen cansazo. . . Fai canto che di. . . Verán...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.