Este sábado 14 de novembro o alcalde de Noia, Francisco Pérez, e a concelleira de Deportes Sandra González recibiron ao Club ITF Noia para felicitar ao seus integrantes polos impresionantes resultados acadados no Mundial Open ITFU Arxentina 2025. Pérez e González sinalaron que “queremos dar os parabéns a Martín, Antón, Jacobo, Camilo, Leo e Miguel, e tamén a Dache, por representar a España con talento, esforzo e unha entrega exemplar”.
Os ditos deportistas formaron parte o pasado mes de outubro da selección española de TaeKwon-Do ITFU, que logrou un resultado histórico no Mundial 2025 celebrado en Bos Aires, onde acadaron 26 medallas, o trofeo ao mellor competidor e a confirmación de Lanzarote como sede do próximo campionato en 2027. A cita de Bos Aires foi a capital mundial do TaeKwon-Do ITFU, con máis de 1.100 participantes de 25 países. España estivo representada por nove competidores dirixidos polos adestradores Antonio Blanco e Daniela Goitre, quen tamén participou como atleta.




