Padrón executa dous novos parques infantís en Estramundi e na rúa vila de Rianxo

04 Novembro 2025

O Concello de Padrón vén de iniciar as obras de construción de dous novos espazos de lecer infantil, un situado no campo da Devesa, en Estramundi, e outro na rúa Vila de Rianxo. Con estes proxectos, serán xa cinco as áreas de xogo renovadas durante o goberno de Anxo Arca. As actuacións supoñen un investimento total de 99.893 euros, financiado a través do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña.

Traballos de construción do novo parque Inmaculada Paz Andrade na rúa vila de Rianxo.

O alcalde destaca o compromiso do executivo local coa mellora dos espazos públicos destinados á infancia e ás familias. “Trátase de dous parques que se atopaban nun estado de mantemento deficiente, logo de anos sen intervencións, e que precisaban dunha renovación integral”, sinala.

Estes novos espazos súmanse aos do paseo da Constitución, ao do colexio Flavia e ao situado ao carón do centro de saúde da vila. En pouco máis de dous anos, o Executivo de Anxo Arca renovou así cinco áreas infantís. “Este investimento permite que Padrón conte con espazos de calidade para a infancia, o que reflicte o esforzo e interese do Concello pola veciñanza máis nova e polas súas familias”, engadiu o rexedor.

Traballos de construción do novo parque Olimpia Valencia no campo da Devesa, en Estramundi

Visibilización das mulleres galegas na ciencia

Ademais da mellora das instalacións, o Concello continúa avanzando na visibilización das mulleres galegas na ciencia. Por iso, os novos parques levarán o nome de dúas figuras destacadas da investigación e da medicina galega.

Novo parque Olimpia Valencia, no campo da Devesa (Estramundi)

No seu momento, o Concello xa nomeara o parque infantil situado ao carón do centro de saúde co nome de Antonia Ferrín, matemática e primeira astrónoma galega. Agora, o novo parque da rúa Vila de Rianxo levará o nome de Inmaculada Paz-Andrade, científica, física e investigadora de proxección internacional. Foi a primeira catedrática da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela e referente mundial en microcalorimetría, abrindo camiño para moitas outras profesionais.

Novo parque Inmaculada Paz Andrade, na rúa Vila de Rianxo

No caso do parque infantil do campo da Devesa, en Estramundi, levará o nome de Olimpia Valencia, recoñecida como a primeira médica galega, especializada en xinecoloxía, e pioneira no exercicio libre da medicina nun tempo no que o acceso das mulleres á universidade era moi limitado.

Con esta iniciativa, o Concello de Padrón quere continuar “combinando a creación de espazos públicos de calidade coa posta en valor das referentes femininas galegas, integrando educación, igualdade e memoria social na mellora dos equipamentos municipais”, sinalaron fontes do Consistorio.

Outros artigos

Noia legaliza o seu Punto Limpo

O Concello de Noia vén de culminar o proceso de legalización do Punto Limpo municipal, poñendo fin a unha situación administrativa que segundo lembrou o Goberno local, “víase arrastrando desde hai anos”. A legalización constitúe “un paso importante para mellorar a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.