O certame Argallando.gal premia a dous novos deseñadores informáticos de Ribeira

24 Outubro 2025

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta (AMTEGA) entregaron este venres 24 de outubro os premios da iniciativa Argallando.gal, enmarcada no programa Tech Kids, co obxecto de poñer en práctica o talento dixital da rapazada e a súa capacidade de resolución de problemas ao tempo que desenvolven competencias persoais a través dunha contorna colaborativa.

Foron premiados dous deseñadores de Ribeira: Lois Otero Rodríguez e Jheferson Abreu Pasín.

O acto celebrouse no centro Gaiás Tech da Cidade da Cultura, e os premios foron entregados polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o director de Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Miguel Rodríguez Quelle. Ao acto tamén asistiron os responsables e formadores do equipo de Argallando.gal, así como os estudantes premiados e os seus acompañantes.

Desafío para o alumnado

Argallando.gal é unha iniciativa que desafía ao alumnado galego, a partir dos doce anos, a participar nun programa para argallar proxectos nos que a cultura, a tradición ou as lendas se fusionen coa tecnoloxía, a innovación e a creatividade (deseño e impresión 3D, programación, robótica educativa, drons, etc.).

Con este espírito, Argallando.gal busca “non só desenvolver competencias tecnolóxicas e dixitais, senón tamén fomentar o traballo en equipo, a curiosidade, a experimentación e a posta en valor da cultura galega dende unha perspectiva innovadora, subliñando especialmente o seu carácter interxeracional”, explicaron dende as entidades organizadoras.

36 accións

No marco do programa realizáronse 36 accións formativas, 33 nas aulas CeMIT participantes (Valga, Abegondo, Cuntis, A Bola, Barreiros, Ribeira, O Barco de Valdeorras, Betanzos, Poio, O Vicedo e Leiro) e 3 na aula do Gaiás Tech, ás que asistiron máis dun centenar de estudantes e unha vintena de participantes interxeracioneis, entre pais, avós e profesorado.

O programa conclúe hoxe coa presentación dos 50 proxectos desenvolvidos, que competiron por conseguir os diferentes premios nas categorías de Xigante Argalleiro, Nubeiro Tech, E-Serea e Árbore Senlleira.

Equipos premiados

· Categoría Xigante Argalleiro (gañador global):

Alejandro Paz, da Aula CeMIT de Barreiros (Lugo). Presentou un modelo 3D de carácter técnico moi complexo e cun alto nivel de detalle: unha catedral clásica con torres, cúpulas e pórticos. Destacou polo uso das simetrías, a coherencia nas formas e a inspiración realista.

· Categoría Nubeiro Tech:

Jheferson Abreu Pasín, da Aula CeMIT de Ribeira (A Coruña). Presentou o videoxogo Camiñando a Santiago, unha proposta que combina aventura gráfica e plataformas, con ilustracións propias, mapas e distintos niveis de xogo.

· Lois Otero Rodríguez, da Aula CeMIT de Ribeira (A Coruña). Presentou un modelo 3D que replica a fachada frontal da Igrexa de Santa Uxía de Ribeira, cun deseño moi logrado e gran atención ao detalle.

· Xenxo Lusquiños, da Aula CeMIT de Cuntis (Pontevedra). Presentou un traballo de modelado arquitectónico que reproduce, con alto nivel de detalle, un hórreo tradicional galego, mostrando ademais diferentes vistas e perspectivas.

· Categoría E-Serea:

Maxiruráis, grupo adscrito á Aula CeMIT de Fisterra (A Coruña), pero formado por alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio-Zas (A Coruña). Participaron co proxecto Namórate do Rural, unha iniciativa moi interesante na que lograron implicar a toda a comunidade educativa para crear un repositorio de información sobre lendas, historias e tradicións do rural galego, publicado en distintas contornas web.

Os/as Vikingos/as de Vicedo, grupo participante nas formacións da Aula CeMIT de O Vicedo (A Coruña). Presentaron un proxecto moi orixinal no que combinaron medios audiovisuais e robótica educativa para narrar unha historia sobre os Drakkars en San Román, o histórico asentamento vikingo da súa zona.

• Categoría Árbore Senlleira:

O Cabazo da Memoria, grupo adscrito tamén á Aula CeMIT de Fisterra (A Coruña) e formado por alumnado do IES Maximino Romero de Lema de Baio-Zas (A Coruña). Presentou CabazoTech, un proxecto sensacional que combina distintas tecnoloxías para crear unha obra íntegra destinada a visibilizar, recordar e reactivar o patrimonio visual colectivo vinculado ás tradicións, costumes e modos de vida do rural galego. Unha auténtica ponte interxeracional entre as xeracións pasadas, presentes e futuras.

Todos os participantes dos equipos premiados recibiron de agasallo un conxunto de material ocio-educativo, tecnolóxico e cultural composto por uns auriculares sen fíos de diadema HQ; un xogo de mesa educativo de temática tecnolóxica; e unha cámara fotográfica instantánea.

O equipo gañador global, Xigante Argalleiro, recibiu un conxunto de material ocio-educativo, tecnolóxico e cultural composto por uns auriculares sen fíos de diadema HQ; un xogo de mesa educativo de temática tecnolóxica; unha cámara fotográfica instantánea; e un cheque por valor de 300 euros destinado á compra de bens ou servizos culturais, tecnolóxicos ou educativos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.