O programa de xuntanzas cidadás O Goberno Escoita, impulsado polo Concello de Noia, chegou este xoves 26 polo serán aos núcleos de San Paio e Boña, nunha parada na que participou o rexedor, Francisco Pérez Caamaño, e a veciñanza. Foi a segunda parada do dito programa, co que o Concello quere abrir espazos de diálogo directo coa cidadanía. Falouse de cuestións fundamentais para a vida diaria, como a garantía do subministro de auga, a mellora da accesibilidade dos camiños e outras actuacións que contribuirán a mellorar o benestar da veciñanza. “Para nós, a participación cidadá é clave, porque quen mellor coñece a realidade dos lugares son as persoas que viven neles; por iso, agradecemos a implicación e as achegas de todas as persoas que participaron”, sinalou o rexedor, engadindo que esta iniciativa continuará nas vindeiras semanas, visitando máis parroquias e barrios, para “seguir escoitando, aprendendo e traballando xuntos polo futuro do noso concello”, sinalou.




