O BNG de Outes acusa ao Concello de “mentir” coa situación económica deixada polo anterior goberno

04 Setembro 2025
Anxo Núñez nunha imaxe de arquivo

O BNG de Outes, a través do seu voceiro Anxo Núñez, emitiu un comunicado crítico co PP local, agora no Concello, a quen acusa de “enlamar o debate público e insistir no seu relato de mentiras e manipulacións coa fin de xustificar a súa recente moción de censura”.

Sinálase que o PP de Outes e o seu alcalde “aproveitaron a aprobación do PEF (Plan Económico Financeiro) no último pleno ordinario, para insistir na mentira de que o Concello está nunha situación económica calamitosa e, que os gobernos que non foron da súa cor política, despilfarraron ate o punto da ruína económica das arcas municipais”.

No comunicado o BNG de Outes desmente “por completo” estas remitíndose directamente ao propio PEF, elaborado polo servizo de intervención e asinado polo propio alcalde, onde “se certifica que o resultado orzamentario axustado é de + 101.414,84 euros, que o remanente da tesourería para gastos xerais resultou de + 492.637,95 €, que o aforro neto foi de + 177.363,86 €, que o volume de endebedamento sobre ingresos correntes liquidados resultou do 11,08 % e que o cumprimento da regra de gasto tivo unha marxe de 507.239,79 €”. Estes parámetros, indica o BNG, “poñen de manifesto a situación económica do Concello, dan unha imaxe do saneamento en xeral da entidade e contribúen a acreditar que, mentres se manteñan estas circunstancias e se incidan nos criterios xerais de racionalidade e control do gasto, fundamentalmente o gasto en servizos públicos non básicos, non se porá en risco o cumprimento das regras fiscais nos anos de vixencia do presente PEF”.

No comunicado a agrupación sinala que “as medidas principais para dar estabilidade económica ao Concello xa se tomaron o ano pasado, cando estábamos nós no goberno, que son as que hoxe se recollen neste documento”, e que “o noso goberno deixou aforros por valor de 492.637,95 € e un resultado orzamentario axustado positivo de 101.414, 84 € no exercicio do 2024”.

O voceiro do BNG de Outes, Anxo Núñez Fernández, sinala que “esta actitude propagandística do Partido Popular de Outes o único que demostra é que carecen de proxecto para mellorar a vida dos outenses. Agora que son o executivo local deberían amosar responsabilidade e seriedade e traballar por construír un Outes mellor, do mesmo xeito que o facemos nós coma alternativa de goberno”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.