O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM, celebrarase entre o 12 e 17 de agosto cun cartel que inclúe unha trintena de funcións. En total, 19 compañías participarán este ano para conmemorar os dez anos de traxectoria deste festival: formacións de Galicia, Navarra, Euskadi, Aragón, Valencia e Portugal. Así se fixo saber na presentación do programa celebrada este 5 de agosto, na que participaron membros da organización, do Concello e de AGADIC.
Segundo explicaron, neste 2025 Titiriberia acollerá un total de seis estreas no seu programa, catro pertencen a compañías e outros dúas producións propias do festival. Estaba previsto, tal e como xa se anunciara, que o histórico grupo de Teatro Airiños participase un ano máis en Titiriberia cunha estrea, mais por baixas imprevistas na formación de última hora non será posíbel, sinalou a coordinadora artística do festival, Larraitz Urruzola, que presentou o programa completo desta edición en compaña de Julio Alcalde, concelleiro de Cultura de Rianxo; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), e Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña.

Engadiron tamén que dúas destas obras inéditas pertencen á compañía galega Seisdedos: Teatro de mochila, que se poderá ver no Campo de arriba o sábado 16 ás 12.00 horas, e Cantar do ano, que estará no mesmo espazo o mesmo día ás 20.00 horas. Trécola, pola súa banda, dará a coñecer ao público rianxeiro a súa obra Pituquito Literal no Parque de Santa Lucía, en Asados, o xoves 14 de agosto ás 11.00 horas. Xa o día seguinte, na praia de Tanxil ás 13.00 horas, A Cova das Letras representará Costureiriña bonita

Producións propias
Titiribeira produce, como cada ano, dous espectáculos colectivos de factura propia. O primeiro deles poderase ver o martes 12 pola mañá e servirá para inaugurar a programación deste 2025 de forma oficial: A festa dos títeres. Trátase dunha montaxe itinerante que partirá do Auditorio de Rianxo para percorrer as rúas e prazas da localidade. Actúan nesta obra as formacións Vai de Roda, Viravolta e Títeres Alakrán.
O xoves ás 22.30 horas, no Campo de Arriba, chegaralle a quenda a As varietés de Barriga Verde, un espectáculo de variedades para todos os públicos que conducirá este ano Raquel López Cendán e durante o cal actuarán, entre outros artistas, a compañía lusa Red Cloud Marionetas, o actor e titiriteiro Santi Prego, a formación galega Trécola Producións ou o cuarteto da Escola de Música de Rianxo.

Campo de Arriba e o Auditorio
Titiriberia aposta un ano máis pola descentralización do seu programa, de xeito que varias funcións se celebran en parroquias como Leiro, Asados, Taragoña, Isorna ou Araño e en lugares emblemáticos do concello como é a praia de Tanxil. Malia todo, dous lugares convértense nos centros neurálxicos do festival: o Auditorio Municipal e o Campo de Arriba. Polo primeiro destes espazos, que acolle as dúas únicas funcións de pagamento desta edición, pasarán as compañías Nao Caracola, coa súa montaxe Esperta o Rinoceronte o martes 12, e Red Cloud, que actuará coa súa obra Bonecos -dirixida por Quico Cadaval- o venres 15 ás 21.00 horas.
O Auditorio Municipal acollerá, ademais, unha función gratuíta para bebés (Alfombra máxica, de Babaluva), a palestra O cego dos monifates con Anxo García e Comba Campoi, o curso de formación sobre a farsa impartido por Santi Prego e catro das cinco exposicións que ofrece este ano Titiriberia: a primeira delas sobre a traxectoria Monicreques de Kukas e as outras son mostras didácticas sobre Barriga Verde, a familia Silvent e a familia teatral do títere europeo. Completan o apartado expositivo deste ano a exposición de Títeres Alakrán nos escaparates dos comercios adheridos a ARE (Asociación Rianxeira de Empresarios) e a fotográfica de Manuel Silva Bisgue ao redor da historia do propio festival.
Este última poderase ver na Feira Vella, o espazo que Titiriberia manterá ao longo da semana no Campo de Arriba e polo que pasarán parte das compañías que veñen de fóra de Galicia. É o caso das vascas Tenderete e Toti Martínez de Lecea, Gorka Hermosa e Edurne Zabalo ou da portuguesa Red Cloud. Na praia de Tanxil actuarán, pola súa banda, o resto de formacións procedentes do exterior: a navarra Teatro Firulete, a valenciana O Ball de Sant Vito ou a aragonesa Teatro Arbolé.
A representación galega en Titiriberia está conformada por Diáspora, Tanxarina, Larraitz Producións Artísticas e Laboratorio Fantoche, ademais de polas xa citadas Trécola Producións, A Cova das Letras, Seisdedos, Alakrán, Babaluva, Nao Caracola, Viravolta e Os Monicreques de Kukas.



