Acordo BNG-PSdG para o cambio político en Noia: os nacionalistas impoñen unha ducia de condicións

28 Xullo 2025
Ricardo Suárez na Alameda de Noia nunha imaxe de arquivo

O BNG asinou un acordo co PSdeG coa intención de impulsar un cambio político en Noia. Nun comunicado sobre as razóns de impulsar este posíbel cambio de goberno os nacionalistas cualifican de “nefasta” a xestión de Santiago Freire, o que din, “lévanos a dar este paso, queremos que haxa unha mudanza de rumbo ante a cada vez máis desnortada forma de funcionar dun Concello carente de folla de ruta”, salienta o portavoz da formación en Noia, Ricardo Suárez.

“As eivas da acción de Goberno do PP e do NO.I.A. non poden continuar. É preciso acabar cunha situación que cada vez é máis calamitosa. Noia está cada vez máis abandonada e o clientelismo é cada vez máis grave”, aseverou o portavoz do BNG na localidade.

Neste sentido, no documento asinado por Ricardo Suárez e Francisco Pérez, portavoces do BNG e do PSdeG de Noia, a formación nacionalista impón 12 condicións para a investidura do socialista. “Trátanse de 12 compromisos e liñas de actuación para que o cambio na Alcaldía implique unha mellora da nefasta xestión do Goberno actual”, explica Suárez.

“O noso apoio non será un cheque en branco. O noso único compromiso e a nosa única lealdade é con Noia e cos intereses de Noia”, continua o nacionalista. “Seguiremos de preto o cumprimento destas 12 condicións se a investidura de Pérez prospera, e manteremos unha actitude activa para seguir a acción de goberno e buscar acordos que satisfagan as necesidades da veciñanza”, conclúe.

A continuación, incluímos a ducia de puntos esixidos:

Desactivación do NO.I.A. nas tomas de decisión municipais. 

    O PSdeG comprométese, alén dos posíbeis consensos aos que poida chegar a Corporación municipal, a pactar de forma bilateral os futuros acordos para o desenvolvemento da acción de goberno. De apoiarse no PP ou no NO.I.A. para forzar maiorías alternativas, o BNG resérvase a opción de dar por roto este documento. O BNG comprométese, pola súa parte, a non obstruír a acción de goberno a través de acordos con outras formacións.

    Relación entre o BNG e o Goberno municipal. 

      O PSdeG comprométese a que o grupo do BNG teña contacto coas Concellerías do goberno de Noia, establecendo así dinámicas de traballo para o desenvolvemento de políticas e proxectos. Así mesmo estableceranse reunións periódicas entre o BNG e o PSdeG para consensuar posíbeis acordos plenarios.

      Redución do gasto político.

        O BNG e o PSdeG comprométense a aprobar unha redución do gasto político no Concello de Noia de 20%, incluíndo órganos colexiados e asignacións a grupos.

        Plan plurianual cara ao saneamento integral e abastecemento de auga.

          O BNG e o PSdeG comprométense a establecer un plan plurianual para a culminación do saneamento integral do municipio que contemplará, como mínimo, o 10% de investimento municipal en cada exercicio. Ademais, en 2026, comezarase cun proxecto para a construción dun novo depósito de auga.

          Planificación do tráfico rodado.

            O BNG e o PSdeG comprométense a aprobar a redacción e implementación dun plan de mobilidade para a xestión do tráfico rodado (circulación e aparcamento) que terá como premisa avanzar na peonalización do casco histórico, incluída a Corredoira. Ao mesmo tempo, desenvolveranse medidas para facer cumprir a ordenanza de casco histórica, nomeadamente nesta cuestión.

            Modificar o proxecto de Portos no Paseo.

              O PSdeG comprométese a establecer contactos con Portos coa intención de frear a intención desta institución de establecer unha explanada de 6.300 m2 de formigón no paseo marítimo e negociar un novo proxecto integral para esta localización. Así mesmo, o BNG e o PSdeG comprométense a impulsar e desenvolver un proxecto para reservar o Paseo Antón Avilés de Taramancos  como espazo de prioridade absoluta peonil.

              Centro de día, escola infantil e SAF.

                O PSdeG comprométese a contactar de forma inmediata coa Consellería para coñecer se A Chaínza é unha localización idónea (especialmente pola súa inundabilidade) para albergar un centro de día. No caso de que non o sexa, o BNG e o PSdeG comprométense coa adquisición ou o acondicionamento doutra localización para ceder á Consellaría e co obxectivo de que desenvolva o centro de día. Buscarase tamén unha localización para ceder á Consellería coa intención de que constrúa unha escola infantil. Traballarase ademais para municipalizar o SAF ao longo do ano 2026, instando o resto de administracións a que cumpran coa súa responsabilidade de finanaciamento do servizo.

                Normalización lingüística.

                  O PSdeG comprométese a dar cumprimento á ordenanza de uso do galego e crear o Servizo de Normalización Lingüística.

                  Vexetación e biodiversidade.

                    O PSdeG comprométese a establecer un plan de xestión da vexetación e limpeza nas parroquias. O plan contemplará tamén o fomento da biodiversidade e a planificación do tratamento das árbores e da vexetación tendo en conta os seus ciclos vitais. Así mesmo, deberase planificar o coidado e mantemento do mobiliario urbano. Licitarase o servizo para evitar os contratos menores.

                    Promoción da vivenda pública.

                      O BNG e o PSdeG comprométense a impulsar a cesión de solo para vivenda públical. Tamén se entrará dentro do plan Rexurbe para promover a creación de vivenda no casco histórico de Noia.

                      Turismo Sostíbel

                        O BNG e o PSdeG comprométense a desenvolver un regulamento das vivendas de uso turístico na localidade e un plan de turismo sostíbel. Ademais, tamén se regulará o uso de autocaravanas no municipio e se dotará un espazo adaptado para este tipo de turismo no municipio.

                        Axenda cultural.

                          O PSdeG comprométese a establecer unha axenda cultural plural e durante todo o ano, na que teñan un papel protagonista o galego e as artistas da contorna. Ademais, faranse as actuacións necesarias para que o Coliseo Noela poida funcionar a pleno rendemento, dotándoo de axenda propia e fomentando o cine e o teatro, entre outras actividades artísticas.

                          Outros artigos

                          Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

                          Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

                          +

                          Publicidade

                          Revista en papel

                          Opinión

                          O Barbanza
                          Resumo de privacidade

                          Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.