A compañía galega JEALSA, un dos principais referentes do sector conserveiro en Europa pechou o exercicio 2024 cun incremento na súa cifra de negocio, alcanzando os 781 millóns de euros. Este resultado, en liña co exercicio anterior, marca, en palabras da conserveira de Boiro, “o fin dun período de transición dentro da traxectoria de crecemento da compañía, que comezou co incendio sufrido en maio de 2021, un acontecemento que supuxo un gran desafío para a organización; e a abrupta inflación das materias primas, especialmente aceite, lata e enerxía, dos anos 2022 e 2023”.

No seu balance, JEALSA indica que “catro anos despois damos por superada esta etapa, grazas ao esforzo colectivo do noso equipo humano e á nosa decidida aposta pola innovación, a eficiencia e a mellora continua”.
“Así, grazas ao esforzo e a colaboración de todas as persoas que forman parte de JEALSA puidemos superar estes anos difíciles e encarar o futuro con ambición”, destacan desde a dirección da compañía.
JEALSA consolidou o seu posicionamento no mercado internacional, onde a súa actividade en Europa representa o 85% da facturación. Os seus principais mercados inclúen España, Italia, Alemaña, Reino Unido, Francia, Portugal e Países Baixos. Así mesmo, a compañía reforza a súa presenza en Sudamérica —especialmente en Chile e Brasil— e desenvolve operacións en países como Estados Unidos, México, Xapón, Vietnam ou Venezuela.
Alianza estratéxica con Mercadona
Entre os principais piares do crecemento de JEALSA destaca a súa histórica colaboración con Mercadona, con quen mantén unha relación comercial desde hai máis de 25 anos. “Esta alianza foi clave no proceso de mellora e modernización dos procesos produtivos”, indicou a a conserveira, engadindo que “formar parte do grupo de interfornecedores especialistas de Mercadona permitiunos medrar de forma sostíbel, mellorar as nosas políticas de calidade e servizo, e aplicar sistemas tecnolóxicos avanzados que nos fan máis eficientes. Todo iso co firme compromiso de ofrecer o mellor produto”.
Investimento en tecnoloxía e sustentabilidade
Durante 2024, a compañía realizou un importante esforzo investidor, destinando máis de 35 millóns de euros (un 4,5% da súa facturación) a melloras tecnolóxicas e de proceso.
Entre os proxectos máis relevantes destaca a construción dun novo centro loxístico máis eficiente e sostible en Bodión (Boiro).
“Os investimentos realizados en melloras de eficiencia e produtividade empezan a ser visíbeis, tal e como reflicte o incremento nos valores de produción e facturación do último trimestre do ano 2024 e do primeiro deste ano 2025”, sosteñen desde JEALSA, engadindo que “este investimento verase incrementado en datas vindeiras grazas aos fondos adxudicados polo Goberno ao PERTE Mar industria, e no que JEALSA foi unha das empresas beneficiarias”.
O proxecto presentado pola conserveira permitirá optimizar unha parte do proceso produtivo.
Compromiso coa sustentabilidade e as persoas
A sustentabilidade continúa sendo un eixo estratéxico para JEALSA, a través do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa WeSea. A empresa revalorizou o 100% da materia prima utilizada e adquiriu máis do 96% do peixe a barcos adheridos a iniciativas sostíbeis.
No ámbito social, JEALSA mantén un forte compromiso coa igualdade, a diversidade e a integración. Cun persoal maioritariamente feminino (65%), foi recoñecida polo seu modelo ético e responsábel por entidades como a Fundación Amicos.
Así mesmo, como parte do seu compromiso coa sociedade e o desenvolvemento económico, JEALSA contribuíu con 52 millóns de euros ás arcas públicas do país, a través do pago de impostos.
Esta achega reflicte a vontade da compañía de xerar valor non só ambiental e social, senón tamén económico na contorna na que opera.



