O Pleno do Concello de Noia aprobou unha nova reprobación ao alcalde Santiago Freire. A moción, impulsada de forma conxunta pola oposición —PSdeG-Noia, Marea Cidadá de Noia, BNG e o concelleiro non adscrito—, contou incluso co apoio de NO.I.A (Noieses Independentes Agrupados), socios de goberno de Freire.
A razón central da reprobación foi a considerada pésima xestión das obras da Praza de Abastos, un proxecto estratéxico para a vila que leva máis de tres anos en situación de abandono e con múltiples deficiencias. A actuación, adxudicada en 2021 por 1.008.233,10 € sen revisión de prezos, acumula 17 certificacións por valor de 939.714,99 €, malia que moitas das intervencións previstas non foron executadas.
A oposición propón medidas urxentes:
- Instalación dunha cámara frigorífica para manter a cadea de frío nas fruterías.
- Adecentamento dun posto usado como oficina, adaptándoo a uso profesional.
- Creación dun obrador.
- Redacción e execución dun proxecto de remate integral da planta baixa e do perímetro superior, segundo o deseño orixinal.
- Informe técnico independente que determine as desviacións entre o proxecto e a execución, de cara á depuración de responsabilidades.
Estas medidas están consensuadas coa directiva da USPAN e cos propios usuarios da Praza.
Desde a oposición reclaman transparencia, compromiso e acción inmediata: “A Praza de Abastos, corazón do comercio local, non pode seguir sendo vítima da incompetencia e da inacción”, sinalan.




