Rianxo e Compostela protagonistas do XIV Seminario sobre a Memoria centrado nos “Desastres da Guerra”

05 Xuño 2025

O IES Félix Muriel de Rianxo será este VENRES 6 de xuño o espazo para a reflexión histórica e o compromiso coa xustiza e a memoria democrática, coa celebración do XIV Seminario sobre a Memoria, unha iniciativa promovida pola Nova Escola Galega, o IES Félix Muriel, a Asociación Cultural Barbantia, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza en colaboración cos Concellos de Rianxo e Santiago e a Deputación Provincial entre outras institucións e asociacións.

A cita reunirá a investigadores, familiares de vítimas da represión, activistas e representantes institucionais nunha intensa xornada de análise, diálogo e homenaxe ás persoas que sufriron a violencia e a persecución durante a Guerra Civil e a ditadura franquista.

Un programa centrado na memoria local e na xustiza histórica

Rianxo e Compostela serán os escenarios do XIV Seminario sobre a Memoria, que terá lugar os días 6 e 7 de xuño de 2025, baixo o lema “Os desastres da guerra”. Esta edición propón unha profunda reflexión sobre os efectos da represión e a depuración sufridas pola poboación durante a guerra civil e a ditadura franquista, cun enfoque centrado no contexto galego e, especialmente, nas comarcas de Rianxo e Compostela.

O seminario, organizado por Nova Escola Galega, o IES Félix Muriel, a Asociación Cultural Barbantia e outras entidades colaboradoras, está dirixido a profesorado, persoas investigadoras, estudantes e público en xeral, e ofrecerá 12 horas de formación recoñecida oficialmente pola Consellería de Educación.

Unha programación diversa e comprometida

A actividade comezará o venres 6 de xuño no IES Félix Muriel de Rianxo coa inauguración institucional e a conferencia de María Fernández Blanco, investigadora da USC, titulada “Transición en feminino: a introdución da perspectiva de xénero no estudo das organizacións políticas e sindicais en Galiza (1964–1990)”.

O mesmo día, pola tarde, haberá unha exposición sobre mulleres represaliadas no cárcere de Tui, presentada por Helena Pousa, e a representación do monólogo “Mambrú volveu da guerra” a cargo do dramaturgo Carlos Labraña Barrero.

O sábado 7 de xuño, o seminario continuará cunha conferencia-coloquio de Xosé Álvarez Castro sobre A Illa de San Simón e un roteiro polo Rianxo emocional de Castelao, guiado polo historiador Xesús Santos Suárez.

Pola tarde, en Lavacolla (Compostela), abordaranse cuestións como “O documental na aula”, nunha charla de Víctor Santidrián Arias, e realizarase un roteiro polo campo de concentración de Lavacolla, con intervencións de Ana Tarrío Tobar, Rosalía Macías Tarrío e Antonio Pérez, presidente da Agrupación Cultural O Galo.

O acto de clausura está previsto para as 20:00 horas.

Memoria, educación e compromiso social

O seminario pretende promover unha educación comprometida coa liberdade, a xustiza e os dereitos humanos, e conta coa participación de Fernanda Cedrón, neta de represaliados da comarca do Barbanza, entre outras voces relevantes.

Ademais de fomentar o coñecemento histórico, os organizadores destacan a importancia de implicar ás novas xeracións na defensa dunha memoria crítica, plural e solidaria.

A participación é gratuíta, previa inscrición en www.neg.gal, e o número de prazas está limitado a 50 persoas.

Outros artigos

Volve co Samaín o Claustro do Terror no Concello de Noia

Tras o éxito do ano pasado, regresa o II Claustro do Terror, que volverá converterse nun dos grandes protagonistas do Samaín de Noia. Novamente as persoas participantes terán que resolver un crime no Consistorio, e a resolución virá acompañada dun ambiente axeitado...

+

O filme documental 360 curvas proxéctase este domingo en Boiro

O Ciclo de Cine Mestre Mateo, impulsado nos concellos pola Academia Galega do Audiovisual, volveu poñer o foco en Boiro para dar coñecer ao público a rica colleita cinematográfica galega deste último ano. Sen ir máis lonxe, este domingo 18 de outubro proxectarase no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.