
O departamento de Turismo do Concello de Ribeira capitaneado por Francisco Suárez-Puerta presentou un novo produto relacionado co astroturismo: O Camiño das Estrelas. O edil presentou esta nova iniciativa contextualizando a orografía e localización xeográfica de Ribeira, que, segundo dixo, “ proporcionan múltiples puntos desde onde se pode gozar dunha panorámica completa do ceo nocturno”. Lugares como praias e miradoiros naturais ofrecen horizontes despexados, esenciais para unha experiencia astronómica enriquecedora.
Neste contexto, O Camiño das Estrelas, proponse como “unha actividade de astroturismo onde educar e sensibilizar ao público participante sobre a importancia de preservar os nosos ceos escuros, unha iniciativa que enriquece a oferta turística e fomenta a conciencia ambiental entre residentes e visitantes”, comentou, engadindo que “O Camiño das Estrelas tamén pon en valor o coñecemento e sabedoría ancestral dos nosos mariñeiros, xa que antes da existencia da tecnoloxía e do GPS empregaban as estrelas como guía no seu rumbo. As estrelas servían de compás celestial que lles permitía navegar en mares abertos e descoñecidos. Sen a tecnoloxía moderna, os navegantes dependían da observación das constelacións e os astros para determinar a súa posición e dirección durante as súas viaxes”, comentou.
O Camiño das Estrelas, engadiu, tamén ofrece unha plataforma para a divulgación da astronomía e a promoción do coñecemento científico.
O concelleiro concretou os obxectivos do novo produto turístico “que consiste basicamente en fomentar o aprecio e o coñecemento do patrimonio astronómico e natural a través da observación do ceo nocturno de Ribeira, promovendo a conservación da calidade do ceo e sensibilizando aos participantes sobre a importancia da redución da contaminación lumínica”. Rematou salientando que a busca gozar do espectáculo do ceo estrelado e educar aos participantes sobre a relevancia de preservar estas contornas para as futuras xeracións.

Actividades propostas
1. Formación astronómica
Día: 14 de xuño
Hora: 21 a 23 horas
Lugar: Centro Social de Oleiros e campo de fútbol
Descrición da actividade: trátase dun obradoiro formativo previo ás noites de observación onde se explica a mecánica celeste: o movemento da Terra, o sistema solar e a galaxia. O ecuador celeste e a eclíptica. Os cometas, satélites e outros obxectos. Neste taller o público aprenderá sobre as estrelas obxectivo para saber como orientarse no ceo, as súas constelacións e como cambia o ceo ao longo dos meses. Usarán tamén as ferramentas para escoller a noite: Stellarium, Heavens-above, planisferios, Guías físicas e aplicacións móbiles de interese, e como usalas. Realizararase unha introdución aos materiais básicos de observación, e daranse consellos de observación e divulgación
Os principais obxectivos deste taller son comprender as bases do funcionamento do ceo; coñecer e identificar as estrelas e constelacións principais para poder comezar a observar e aprender a utilizar as ferramentas para continuar aprendendo e observando por conta propia.
Haberá chocolate quente para o público participante.
2. Iniciación astronómica
O patrimonio nocturno é un gran descoñecido. Nesta actividade as persoas participantes viaxan da man dun guía astrónomo divulgador e dunha –Deusa lexendaria–, para coñecer e aprender a orientarse coas estrelas máis brillantes, xuntar constelacións e descubrir as historias escritas no ceo. Trátase de que o público teña unha noite inesquecíbel, que proporcionará a base para desfrutar observando, asentar as bases para continuar polos seus propios medios, e pasar momentos en familia.
Aguiño
Día: 13 de xullo
Hora: 22.30 a 00.00 horas
Lugar: punto de encontro Miradoiro de Couso.
Chocolate quente para o público participante
Corrubedo
Día: 24 de agosto
Hora: 22.30 a 00.00 horas
Lugar: zona da duna de Olveira
Chocolate quente para o público participante
As reservas pódense realizar a través do teléfono 981 873 007 ou na Oficina de Turismo do porto de Santa Uxía.



