Comezan as obras de humanización da AC-305 de Palmeira, que contan cun investimento de preto de 3 M€

05 Marzo 2025

A Xunta vén de iniciar as obras de humanización da estrada AC-305 ao seu paso por Palmeira, no concello de Ribeira, nas que inviste un orzamento de preto de 3M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, o tenente de alcalde e edís da Corporación Municipal, supervisaron este mércores 5 de marzo o comezo dos traballos, que a Administración autonómica prevé rematar no verán de 2026.

A actuación, que a Xunta aborda en colaboración coa Fundación RIA presidida polo arquitecto inglés afincando no Barbanza, David Chipperfield, abrangue un quilómetro desta travesía ao seu paso polo núcleo urbano de Palmeira, no que “se recuperará espazo para a veciñanza e darase prioridade ao espazo peonil, ademais de abordar intervencións para reducir a contaminación visual e harmonizar o deseño do mobiliario urbano, aumentar a seguridade viaria e habilitar novas zonas axardinadas”, sinalaron fontes do Goberno galego.

Entre outras intervencións, habilitaranse novas e máis anchas beirarrúas, novo mobiliario urbano, así como unha nova parada de autobús. Amais, disporase novo alumeado e zonas verdes para dar sombra e “convidar ao paseo”. A maiores, achegaranse recursos para calmar o tráfico coa redución da velocidade actual de 50 a 30km/h.

A conselleira cualificou esta intervención que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas como “integral e sostíbel” e destacou que vai mudar radicalmente esta travesía urbana “e poñer en valor aínda máis esta vila”.

M. Allegue subliñou neste senso que a obra vai mudar radicalmente o espazo “para convertelo nun entorno humanizado que desfrutará a veciñanza, pero que tamén dará un pulo importante, de seguro, á economía da vila porque atraerá máis turismo”.

Agradeceu á Fundación RIA a colaboración e a súa implicación “no desexo compartido” para transformar os espazos e humanizalos. E ao seu fundador, o arquitecto David Chipperfield, “o vínculo que ten formado con Galicia, porque contar detrás deste proxecto cunha figura do seu prestixio é para nós un privilexio”.

Pola súa banda, o alcalde Luís Pérez Barral, comezou agradecendo o traballo da Fundación RIA e loou a colaboración institucional para sacar proxectos positivos adiante, asegurando que “hoxe é un día significativo para Ribeira, especialmente para Palmeira, porque iniciamos un proxecto valorado en case 3 millóns de euros”.

Pérez Barral asegurou que estas actuacións encaixan perfectamente no modelo de cidade que estamos a impulsar dende o Goberno local, un modelo baseado nun urbanismo sostíbel e pensado para as persoas. “A humanización da travesía de Palmeira responde a unha visión clara: recuperar espazos públicos, garantir a seguridade viaria, construír lugares accesíbeis e gañar zonas verdes. Con estas obras, veremos unha transformación evidente, ampliaranse e renovaranse as beirarrúas, reforzarase a seguridade viaria con melloras no firme e na sinalización, facendo da travesía un lugar máis seguro tanto para peóns como para condutores, con iluminación pública e mobiliario renovado e novo, creando un espazo atractivo e funcional, e, algo moi importante, terase en conta a integración paisaxística para que estas melloras convivan en harmonía co carácter mariñeiro e tradicional de Palmeira”, sinalou o rexedor.

“Este proxecto mellorará a estética, ao tempo de manter a historia e a esencia deste pobo mariñeiro por iso hoxe é un gran día no que Palmeira gañará en calidade de vida, e Ribeira dará un novo paso cara á cidade que queremos construír: moderna, accesible, sostible e pensada para a xente”, concluíu o rexedor.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.