A Deputación destaca o papel fundamental da muller no sector pesqueiro e marisqueiro da provincia

06 Decembro 2024

A deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García, reuniuse na sede da Deputación da Coruña con Rita Míguez de la Iglesia, presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA) e Ángeles Mille, secretaria da entidade.

Na xuntanza, a deputada destacou “a importancia do traballo das mulleres para o sector pesqueiro galego e en particular da provincia da Coruña, xa que a súa contribución persoal e profesional é fundamental para o mesmo, pois realizan actividades clave de diversificación económica e social na súa contorna e unha loita continua pola mellora das súas condicións laborais, a dignificación do sector e o relevo xeracional.”

Así o amosa o Mapa das Mulleres da Pesca na provincia da Coruña, desenvolvido conxuntamente pola Deputación e ANMUPESCA, que permite a localización dos distintos perfís profesionais que existen en cada área costeira onde se desenvolve a actividade pesqueira.

O mapa está acompañado dun exhaustivo informe que presenta de xeito ordenado os datos extraídos do traballo de campo. Esa información abarca a máis de 6.380 mulleres que desenvolven o seu labor dentro da cadea de valor da pesca, polo que ambos formatos constitúen unha ferramenta útil de consulta para concellos, confrarías, asociacións de mulleres do mar, grupos de acción local do sector pesqueiro e medios de comunicación, entre outros.

O colectivo de mulleres do mar máis numeroso atópase na industria conserveira, con 3.205 traballadoras, o que representa o 66,7 % dos empregos. A maior parte concéntranse na zona do Barbanza, especialmente nos concellos de Ribeira, Boiro e A Pobra do Caramiñal. O seguinte grupo é o do marisqueo a pé, con 809 mulleres (65,6 % do total do sector), mentres que as peixeiras son 445 (69,4 %).

O das redeiras é o ámbito máis feminizado de todos, xa que as 197 mulleres que se dedican á elaboración e reparación de redes representan o 94,2 % do total de profesionais, mentres que na provincia unicamente hai 19 percebeiras a pé (21 %) e 22 dende embarcación (14,8 %).

A análise dos datos permite descender a detalles como o peso das empresarias nas confrarías, con presenza destacada, por enriba do dobre da media, en municipios como O Barqueiro (33, 3 %), Miño (20 %), Camariñas (18,8 %) e Ferrol (18 %).

O traballo de campo realizado permite coñecer de primeira man os espazos nos que as mulleres desenvolven as súa actividade, así como as súas necesidades profesionais e como colectivo e aportou sen dúbida unha información moi valiosa non só para o sector, senón tamén para unha mellor planificación de actuacións e políticas públicas de ámbito provincial.

Continuando con esta liña de apoio ao colectivo de mulleres do mar, a Deputación e ANMUPECSA realizáronse talleres e obradoiros en centros de ensino, así como a exposición de fotografía “Mulleres do Mar”, que percorreu distintos municipios do interior da provincia da Coruña. Ademais leváronse a cabo accións de difusión dos resultados obtidos do estudo e do mapeo e a súa utilidade.

Na reunión de hoxe sentáronse as bases de próximas colaboracións con ANMUPESCA para o desenvolvemento de actividades de formación en diferentes ámbitos como a reciclaxe de residuos do mar e a súa aplicación na artesanía; as novas tecnoloxías e a xestión financeira e administrativa para traballadoras autónomas. Tamén está prevista a realización de talleres e obradoiros con exposicións e escenografías do seu traballo en distintas localizacións e escenarios, así como accións de difusión do contido do estudo e do mapeo e a súa utilidade.

ANMUPESCA está conformada por 33 asociacións de mulleres profesionais do sector da pesca (armadoras, mariñeiras, mariscadoras, percebeiras, redeiras, comercializadoras de peixe, bateeiras, tituladas naúticas, biólogas e peixeiras), das cales 10 teñen a súa sede social na provincia da Coruña e aglutinan a máis de trescentas asociadas no ámbito provincial.

Enlace ao Mapa das Mulleres no Sector Pesqueiro da Provincia:

https://www.dacoruna.gal/desenvolvemento-territorial-transicion-ecoloxica/subvencions/mulleres-do-mar

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Radio” – Xulio Xiz

“Radio” – Xulio Xiz

Ter vivido dezasete anos en Radio Popular e dous na Radio Galega, convertéronme en home de radio por riba doutros medios que, se todos imprimen carácter, a radio ten tal personalidade, atractivo, engado, que quen a veza nunca a pode deixa, Nos meus tempos de TVL...

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

Cada vez voume atopando con máis xente que me conta que fixo a escolla de deixarde ler ou de ver noticias. Que buscan emisoras onde haxa só música, ou que evitantelexornais e tertulias de actualidade. Non son persoas desentendidas do mundo. Dinque non poden soportar...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.