O Concello de Rianxo, a través da Área de Cultura, compartiu a súa axenda de actividades para este punto de inflexión entre novembro e decembro, a finde comprendida entre o 29 de novembro e o 1 de decembro, axenda na que tamén figuran as propostas das entidades con sede no concello.
–DANZA CONTEMPORÁNEA: TABÚ, DE COLECTIVO GLOBO, Quinteto de danza
Tabú é unha peza de danza contemporánea que presenta cinco personaxes femininos da década de 1920 nun ambiente de entroido no rural galego, onde cada muller amosa o seu tabú a través dunha proposta dinámica e accesible para todo tipo de público. Será este venres 29 de novembro ás 21.00 horas, no Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo – Sala Arcos Moldes. A entrada de será balde ata completar capacidade. Retirada de convites na billeteira do Auditorio dende unha hora antes do comezo da función (máximo 2 por persoa). Duración: 60 min. Todos os públicos.

-TEATRO FAMILIAR: O RAPTO DA BEFANA, DA COMPAÑÍA OLIVAS NEGRAS
O rapto da Befana é unha proposta de comedia de máscaras con personaxes que veñen de Italia, unha pequena aventura, varios enredos, moita música, alegría e comedia. Será este sábado 30 novembro, ás 19:00 h, no Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo – Sala Arcos Moldes.

-VII Ciclo de Novos Interpretes: Proxecto NIT (cuarteto de jazz)
Coa formación Proxecto NIT (cuarteto de jazz) péchase este VII Ciclo de Novos Intérpretes, organizado pola Escola de Música de Rianxo, en colaboración co Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña. Proxecto NIT está formado por Javi Regos (baixo eléctrico), Israel Figueirido (piano), David Galbán (batería) e Bernal Muíños (saxofón). Será este domingo 1 de decembro ás 12.30 horas, no Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo.

Exposición: Fauna Esencial
A exposición Fauna Esencial é un percorrido pola beleza e fraxilidade das especies máis representativas da nosa contorna natural a través dunhas impresionantes fotografías, acompañadas de información detallada. Esta mostra realizase no marco do proxecto Cultura por alimentos, da Fundación Obra Social Abanca. Poderá visitarse até o 08 de decembro, en horario de luns a venres de 10.00 a 14.00 h, e tardes e sábados nos horarios da programación cultural do Auditorio. Será no Centro Sociocultural – Auditorio de Rianxo.




