A asociación do Barbanza Amicos, sen ánimo de lucro para a integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise, dano cerebral e as súas familias inauguraba onte, martes 19 de novembro, o Bosque Vertex Bionergy en Curtis xunto á Fundación Vertex Bioenergy. Dicir que a foresta acolle uns 450 freixos, con esta acción quérese fomentar a conservación da biodiversidade da zona e a integración das persoas con discapacidade intelectual, que son as encargadas de conducir os labores de reforestación a través das Ecobrigadas.

Engadir que ao acto de apertura asistiron o director da planta galega de Vertex Bioenergy, Bioetanol Galicia, Noé Pestonit e o director de Relacións Institucionais da compañía, Ángel Mato. Asemade, tamén estaban presentes o coordinador de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, Keltoi Cameán, o alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos, e o concelleiro de Medio Ambiente, Xuventude e Infraestructuras do municipio coruñés, Iván Maques.

Alí, o grupo puido ver en persoa o resultado do traballo realizado polas Ecobrigadas da asociación boirense, uns equipos multidisciplinares cualificados e especializados en sectores como o forestal, xardinería, obras e bedelería; co obxectivo de xerar oportunidades laborais para as persoas con discapacidade intelectual ou en risco de exclusión social.

Con esta proposta Vertex busca deixar unha pegada social e ambiental positiva nos territorios nos que está establecido, como é Curtis coa súa planta de Bioetanol Galicia.
O bosque Vertex Bioenergy é unha iniciativa da Fundación Vertex Bioenergy que Amicos fixo realidade buscando alianzas co Concello de Curtis para a dispoñibilidade dos terreos.
Para rematar, sinalar que esta acción, ao igual que tódalas accións medioambientais que Amicos leva a cabo na zona, contou coa colaboración do Concello de Curtis, que cedeu a parcela no marco dun convenio de colaboración asinado coa entidade a prol da integración social das persoas con discapacidade e a sensibilización ambiental.




