Os bombeiros do parque Provincial de Boiro acudían ao mediodía de hoxe a unha chamada do CIAE 112 Galicia para colaborar na evacuación dunha persoa con mobilidade reducida na rúa Fray Lois Rodríguez no Concello de Noia.
O persoal sanitario precisou a colaboración dos bombeiros provinciais para proceder ao traslado do doente ata a ambulancia.
A persoa, que estaba a ser atendida polo persoal médico do PAC de Noia e do 061 no 4.º andar da vivenda, precisaba ser evacuada cunha padiola de rescate ao ter a súa mobilidade reducida.
Para proceder á evacuación houbo que desmontar unha porta e desprazar mobiliario para facer espazo e que puidera pasar a padiola. Unha vez inmobilizado, evacuouse ao doente polas escaleiras comunitarias ata a ambulancia.
Colaboraron na evacuación desta persoa tres bombeiros, dúas persoas do GES de Noia, tres persoas da ambulancia do 061 e unha da policía local.




