O mércores, 30 de novembro, tivo lugar no novo Auditorio de Ribeira a primeira xornada da VII Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo e patrocinada pola Deputación da Coruña, o Concello de Ribeira e a Xunta de Galicia. Trátase dun evento comprometido co medio mariño e o sector pesqueiro, que procura “xerar conciencia sobre a necesidade de coidar o mar coma un dos recursos naturais máis valiosos que temos”.
A Mostra MDFDM é asinante do Pacto Cultura Sustentábel, en liña coa Axenda 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS).

Para a apertura desta VII edición, na mañá do mércores realizouse a gravación e retransmisión dixital en directo dende o Auditorio de Ribeira dun especial do programa da Radio Galega Mar de Ardora, centrado no mundo do mar. Presentado e dirixido por Xusto López Carril, contou coa participación de Luís Pérez Barral (alcalde de Ribeira), Antía Alberte Maneiro (concelleira de Cultura de Ribeira), María José Casais Boo (xerente da Cooperativa de Ribeira OPP83) e Marcos Gallego Fernández (director da Mostra MDFDM).
A sesión, ateigada de asistentes, contou coa presenza dun grupo de 50 alumnos do Colexio Galaxia de Ribeira, que puideron comprobar como funciona por dentro un programa de radio, servíndolle de aprendizaxe para o proxecto de apertura dunha emisora no colexio.

A inauguración oficial do festival tivo lugar ás 17:00 h nun acto celebrado na sala principal do Auditorio do Concello de Ribeira. Durante o acto inaugural tomaron a palabra Marcos Gallego (director da Mostra) e Natividade González (deputada provincial de Cultura), quen citou que “Ribeira, coas súas profundas conexións co mar e coa cultura galega, é un lugar perfecto para acoller esta celebración anual de talento e creatividade. O cinema documental ten o poder de capturar realidades únicas, de espertar emocións e de crear conciencia sobre temas que moitas veces fican esquecidos. Desde as historias locais ata as cuestións globais que nos unen a todos e todas, cada filme nesta mostra é unha fiestra ao mundo, un espello das nosas inquietudes, e un berce de reflexión”.
Tamén interviñeron Valentín García (secretario xeral de Política Lingüística) e Luís Pérez (alcalde de Ribeira), que citou que “Mares da Fin do Mundo álzase como un faro de concienciación e de cultura, proxectando o valor da vida no mar e o traballo de quen o habita e o preserva, trátase dun festival, único en toda a Península Ibérica, un espazo onde o cinema documental nos conecta con historias chegadas dende calquera recuncho do planeta, historias que, do mesmo xeito que as nosas, loitan pola sustentabilidade e por preservar unha relación respectuosa coa contorna mariña”.

O rexedor rematou a intervención “agradecendo a todas as administracións que cren neste proxecto e achegaron recursos, aos cineastas que nos inspiran coas súas historias, ás entidades locais dende empresas até asociacións que enchedes de vida este evento, ou aos artistas locais cos que colaboramos para decorar este escenario (Fran Millán – Frouma) ou co premio do público (Jontxu Argibay)”. Durante a inauguración contamos coa presenza de Ana Miranda, que se desprazou para a ocasión ata Ribeira dende Bruxelas xunto co seu equipo de traballo.
A continuación, proxectouse o filme inaugural desta VII edición de Mares da Fin do Mundo: Remando a la deriva, de Sarvnik Kaur (India, Francia, 2023), gañadora do Premio Especial do Xurado — Cinema da Realidade no Festival de Sundance no ano 2023. Esta obra confronta as visións de dous pescadores herdeiros da cultura Koli, un sistema ancestral de pesca que se rexe polo ciclo lunar e as mareas. Mentres Rakesh se aferra aos coñecementos e técnicas ancestrais para manter á súa familia, Ganesh foise afastando da tradición para incorporar a tecnoloxía no seu barco de pesca. Ao mesmo tempo, os dous enfrontan un desafío maior: o impacto devastador do cambio climático, que pon en perigo a súa subsistencia e o futuro das súas tradicións.
Ás 20:00 h proxectouse The Oil Machine, de Emma Davie (Reino Unido, 2022), como parte da sección Proa, na que se programan filmes e cineastas que traballan na vangarda do cinema da realidade. O filme explora a relación económica, histórica e emocional que mantemos co petróleo, analizando os imperativos contraditorios arredor dos xacementos do Mar do Norte. A extracción deste recurso é unha peza clave na economía británica, pero tamén o xerme dun intenso debate que divide ao país: mentres algúns valoran os beneficios económicos, outros alertan sobre as graves consecuencias ambientais e para a saúde en todo o planeta.
A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Ribeira. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).



