O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, vén de presentar a primeira edición do congreso Degusta A Coruña, a provincia que sabe, dentro das accións que está a levar a cabo a institución co obxectivo de identificar a excelencia da cadea agroalimentaria da provincia.

O acto de presentación celebrouse no restaurante A Tafona, xunto a súa chef Estrela Michelín, Lucía Freitas; e onde tamén estiveron José Iglesias e Lucía Calvo, de A Despensa D’Lujo; e Pascual Terrón, de A Conserveira, algúns dos participantes no congreso.
Fronte ao modelo habitual, Regueira indicou que “Degusta A Coruña nace como un congreso disruptivo con carácter itinerante que pretende pór en valor unha industria sostíbel e comprometida co territorio, o producto e as persoas”. Faino a través de diferentes xeodestinos da provincia nun percorrido de experiencias gastronómicas polo territorio que abranguen varios puntos da xeografía coruñesa como Fene, Betanzos, Padrón, Boiro, A Coruña e Carballo.
Durante tres xornadas consecutivas, do 28 ao 30 de outubro, o congreso servirá de escaparate para produtos agroalimentarios, empresas de transformación, distribuidoras e establecementos hoteleiros e de restauración, que desenvolven a súa actividade con parámetros de sustentabilidade e calidade. Grandes corporacións como Estrella Galicia, Xanceda ou Gadisa, pero tamén organizacións máis pequenas como Kibus, Adega Entre Os Ríos, Chichalovers, Galmesán ou Os Biosbardos serán algúns dos poñentes participantes.
Varios chefs con Estrela Michelín acudirán ao evento. Entre eles, a compostelá Freitas presentará en MUNCYT o seu proxecto Amas da terra que reivindica as mulleres produtoras. “Quero dar as grazas á Deputación da Coruña e, persoalmente, a Regueira” sinalou Lucía Freitas, engadindo que “Galiza é unha comunidade chea de bos proxectos, talento, gastronomía, e todos debemos traballar en conxunto e interactuar, porque so dunha forma conxunta e desinteresada podemos crecer, e temos un territorio que merece iso”.
Ademais dela, tamén estará Luis Veira, do restaurante Estrela Michelín Árbore da Vieira; e virán como convidados especiais a coñecer de preto a nosa gastronomía varios chefs Estrela Michelín de fóra de Galicia como Miguel Cobo, do restaurante Cobo Estratos (Burgos); Juanjo Losada, do restaurante Pablo (León); e Alvar Hinojal, do restaurante Alquimia (Valladolid).
Como peculiariadades, o congreso contará con dúas visitas guiadas, unha a Confraría de Barallobre, en Fene, e outra as pesqueiras do río Ulla, en Padrón. Ademais, unha das localizacións será o Pazo de Goiáns, en Boiro, onde se realizará unha mesa redonda sobre viño e unha charla explicativa sobre a historia da finca e do inmoble para pór en valor o patrimonio cultural do espazo.
Outro dos pratos fortes das xornadas será a mesa sobre dieta atlántica, moderada polo divulgador Ángel Varela, e que contará coa presenza de Mikel Zeberio, Premio Nacional de Gastronomía, sumiller, chef, docente e impulsor de proxectos como o Basque Culinary Center. Con el, estarán tamén Moncho Méndez, do restaurante Millo da Coruña, recoñecido co Premio Cociñeiro Galego 2022; e tamén o presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso Miramontes.
Ademais, haberá unha mesa de formación, coa presenza de Beatriz Sotelo, recoñecida chef e docente no CIFP Paseo das Pontes da Coruña; do galego Pablo Márquez, actual director de Gastronomía e un dos principais impulsores do Madrid Culinary Campus (MACC); John Regefalk, docente en Basque Culinary Center; y Eduardo Caridad, da Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro.
En canto aos relatorios, destaca tamén a presenza de Eduardo Sanjurjo, xerente de Kibus, que contará o caso de éxito de Inditex co proxecto Galia, unha plataforma de compra sostible quilómetro cero con produtores de proximidade.



