A deputada do BNG Iria Carreira reclamou este xoves 11 de xullo á Consellería de Sanidade que restitúa a atención pediátrica e cubra o resto de prazas asignadas ao Centro de Saúde de Outes, un exemplo, dixo, “das consecuencias da falta de planificación e dos quince anos de deterioro progresivo da sanidade pública polas políticas do PP, especialmente na Atención Primaria, que se ten convertido nun caixón de desastres acumulado no tempo”.

Engadiu que “hoxe en día é difícil atopar un centro de saúde en Galiza co seu cadro de persoal completo, porque alí onde non hai unha xubilación sen cubrir, hai baixas laborais que se intersubstitúen ou vacacións tamén sen cubrir”, asegurou, sinalando que “a carencia de pediatras que afecta a uns 200 concellos galegos”. Malia esta situación, criticou, “a Consellería de Sanidade aínda se fixa agora como obxectivo, e para dentro dun ano, facer un plan de recursos humanos, e sen présa”.
Iria Carreira quixo reflectir na Comisión 2ª da sanidade as inquedanzas das familias de Outes, preocupadas, asegurou, “pola falta de atención pediátrica no seu Centro de Saúde, onde até hai pouco traballaba unha pediatra de xeito compartido con Noia”. Porén, dixo, “Sanidade vén de decidir concentrar a atención pediátrica de toda a comarca en Noia, a onde se terán que desprazar agora para recibir consulta os nenos e nenas con menos de tres anos de Outes; e os de máis de tres anos pasan a ser atendidos polas facultativas de familia”.
“A Consellería de Sanidade, que debería cubrir as baixas e vacacións do persoal de pediatría, decide obrigar ás familias de toda a contorna a acudir ao único servizo que se presta. O de Noia e, polo tanto, quen ten que atender o cupo de catro concellos, retrasando as citas e provocando a saturación do servizo e máis carga de traballo aos profesionais”, apunta a pregunta rexistrada polo do BNG.
A Xunta sostén que a atención sanitaria na comarca de Muros e Noia está “plenamente garantida no verán”
Pola súa banda, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva Tojo, remarcou este xoves 11 de xullo no Parlamento de Galicia que “a atención sanitaria nos centros de saúde da comarca de Muros e de Noia está plenamente garantida no verán”. O director xeral referiu as medidas postas en marcha de forma anticipada pola Xunta de Galicia para! poder garantir a asistencia sanitaria na época estival en todo o territorio galego, e ante a falta de médicos e pediatras que sofren todas as comunidades autónomas!.

No caso do servizo de atención primaria de Noia, integrado polos centros de saúde de Lousame, Outes, Porto do Son e Noia, o director xeral explicou que !a situación de incapacidade temporal de 2 dos seus 4 pediatras obrigou ao Servizo Galego de Saúde a ter que centralizar, de xeito provisional, a atención pediátrica no Centro de Saúde de Noia, ao ser o máis equidistante e de maior recursos para o conxunto da poboación da zona!.
Así, explicou que !nos tres centros que non contarán provisionalmente con pediatra de presenza física, si se disporá de profesionais especializados en enfermería pediátrica que, seguindo criterios de idade, valorarán se os pacientes deben ser remitidos ao pediatra de referencia en Noia, ou ben ao médico de familia correspondente, pois”, segundo lembrou Silva, “os especialistas en medina familiar e comunitaria tamén contan con formación pediátrica”.
Subliñou que o Executivo galego activou un Plan para a cobertura do verán, que “mediante unha dotación de 12,5 millóns de euros, permitirá asegurar a asistencia en atención primaria e pediatría en todo o territorio galega, e en especial nas zonas costeiras, como é o caso da comarca de Muros e Noia”.
Entre as medidas ordinarias e extraordinarias deseñadas pola Xunta, apuntou “a posibilidade de que médicos cunha segunda residencia se despracen durante o verán a aquelas zonas nas que aumenta a demanda asistencial; o reforzo de persoal nos centros de saúde, PAC e urxencias con máis de 100 médicos residentes; ou a colaboración voluntaria de máis de 350 profesionais que se anotaron na bolsa de facer gardas localizadas nos PAC; ademais do reforzo por parte de profesionais do 061”.



