O Concelleiro de Medio Ambiente de Rianxo, José Alberto Angueira, Ana Isabel Lapido, da empresa Netcycle, e María Castelao, da Asociación Art for Dent, visitaron este venres 28 de xuño as inmediacións da praia de Tanxil onde se instalaron novas papeleiras feitas con tapóns reciclados dos que recolle a asociación dende hai catro anos con fins solidarios e coa vontade concreta de loitar contra a dita doenza de Dent, unha enfermidade renal de tipo xenético que a día de hoxe non ten tratamento curativo.
O actual grupo de Goberno do Concello de Rianxo involucrouse nesta campaña coa finalidade de avanzar na transformación do plástico “nun obxecto sostíbel para a propia vila, un propósito que acadou coa fabricación destes colectores”. Ademais, con estas papeleiras, non só se promove a reciclaxe e o coidado do medio ambiente, senón que tamén se visibiliza a enfermidade de Dent, convertendo o material apañado en doazóns para a investigación no Nefrochus, no hospital de Santiago de Compostela.
O proxecto xurdiu logo de que a Hugo, presente tamén na visita, lle diagnosticaran a dita doenza en 2019. A veciñanza, os concellos, asociacións e persoas de diferentes puntos de Galicia uníronse activamente, e grazas á colaboración de todos recicláronse máis de 100 toneladas de tapóns. A iniciativa segue activa para seguir dándolle visibilidade a esta doenza minoritaria.




