A asociación inclusiva Amicos, con centro de operacións no Barbanza, participou este mércores 5 de xuño na cuarta Xornada para o Intercambio de Experiencias entre o Persoal dos Parques Naturais, que se celebrou no Parque Natural de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

O evento foi organizado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia. Por Amicos acudiron os membros da Ecobrigada, que realizaron unha demostración de eliminación de especies invasoras no entorno do Centro de Recepción de Visitantes (Casa da Costa). En concreto, puxeron o foco na especie exótica invasora Conyza canadensis, que adoita medrar nos bordos dos camiños e estradas.

Amicos lembrou que nestes últimos dous anos de actuación, a Ecobrigada interveu en máis de 50 hectáreas, retirando máis de 2 toneladas de especies invasoras no entorno do Parque Natural de Corrubedo e tamén no Parques Nacionais das Illas Atlánticas de Galicia.
Ademais, os membros de Amicos, a través dos equipos de Remar e Dinamiza ODS, levaron a cabo máis de 259 sensibilizacións medioambientais nos últimos dous anos, como formacións en ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel), xogos relacionados con mar, eliminación de residuos en praias e repoboamento forestal. Estas actividades lograron sensibilizar a máis de 5.000 nenos sobre a importancia de coidar o medio ambiente, loitar contra o lixo mariño e contribuír o cumprimento dos ODS da axenda 2030.

O acto contou coa participación de destacadas autoridades, incluíndo a María Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia; Jose Antonio Fernández Bouzas, director conservador do Parque Nacional MT Islas Atlánticas de Galicia na Xunta de Galicia; Antonio Rodríguez, xefe de servizos dos Parque Nacionais de Galicia; Maria Herminia Pouso Maneiro, concelleira delegada de Economía e Facenda do Concello de Ribeira, e Francisco Suárez-Puerta, segundo tenente de alcalde. Tamén estivo presente Xoan España, director xeral de Amicos, quen destacou a importancia destas iniciativas para a conservación do noso patrimonio natural e a educación ambiental.




