
Ante a posibilidade da implantación da macrocelulosa Altri en Palas de Rei o BNG do Barbanza reaccionou dando unha rolda de prensa en Cabo de Cruz (Boiro) na que deu conta do seu rexeitamento ante este proxecto e da súa preocupación sobre as súas consecuencias no río Ulla, afectando a todo o consumo, industrial e humano que se nutre do dito curso fluvial.
Na rolda participaron a parlamentaria galega Rosana Pérez, responsábel dos asuntos de pesca, representantes de cada municipio e o responsábel comarcal. Deron conta das iniciativas que se están desenvolvendo nos diferentes concellos e na propia sede parlamentar. A pobrense Rosana Pérez aproveitou para amosar a proposición non de lei presentada que centrou no subministro de auga a afectación a Arousa Norte. Neste encontro falouse das eivas que xa posúe o Ulla no seu caudal e citouse o último episodio de seca, despois dun outono-inverno de baixas precipitacións, padecido no verán de 2022 e os concellos abastecidos polo Ulla tamén estiveron sometidos a restricións de abastecemento.
Na proposta do BNG, o grupo insta á Xunta a informar negativamente do proxecto que Altri prevé instalar en Palas de Rei, polos efectos negativos que terá no curso fluvial e na calidade das augas do río e dos concellos que abastece directamente.
Asemade, o BNG tamén propón impulsar o desenvolvemento dun plan, en colaboración coas distintas administracións e o tecido socioeconómico, para a mellora integral da calidade da auga e da biodiversidade da bacía do río Ulla.
No que atinxe aos Concellos, os representantes municipais do BNG sinalaron a aprobación de mocións contra a Altri, sendo Rianxo o primeiro na ría e sumándose Boiro e A Pobra esta mesma semana.
Alén disto, tamén se impulsaron accións de recollida de centos de alegacións contrarias ao permiso ambiental da celulosa portuguesa presentadas nos rexistros dos concellos e a celebración de actos informativos xunto a outras actuacións reivindicativas en toda a bisbarra que se irán intensificando nas vindeiras datas.



