
O BNG anunciou que vai presentar no Senado, na vindeira sesión de control e a través da intervención de Carme da Silva, unha pregunta ao Ministro de Industria, Jordi Hereu, sobre se o Goberno ten programado incluír o proxecto da macrocelulosa que se pretende instalar en Palas de Rei nas axudas dos fondos europeos do PERTE de descarbonización, tal e como require a empresa lusa Altri. O BNG lembrará ao Goberno do Estado que este proxecto “incumpre os requisitos estabelecidos para a percepción destes fondos e alertará das graves afectacións ambientais e socioeconómicas que supón a instalación deste proxecto”, adianta a senadora, engadindo que o Executivo debería dar a súa posición exacta sobre este proxecto industrial e que ten previsto a carteira de Industria (a encargada de decidir a que iniciativas se entregan as axudas dos fondos europeos). O BNG tamén se interesará sobre se existe “algún tipo de compromiso por parte do Executivo para que a macrocelulosa poida acceder a estes fondos”.
A senadora do BNG lembrará que “unha das condicións que estabelece a empresa lusa para se instalar na Galiza é recibir entre 200 e 250 millóns de euros dos fondos europeos e, especificamente, quere acollerse as axudas do PERTE de descarbonización. Os criterios estabelecidos para a percepción destas axudas deixan claro que só se poden financiar aqueles proxectos que contribúan a asentar economías máis sustentábeis e mellor preparadas para as transicións ecolóxicas e dixitais. O proxecto de Altri non o fai”, denunciará da Silva durante a sesión de control.
Alén do máis, o BNG entende que o Goberno “non pode amparar nin apoiar o desenvolvemento de industrias que afecten negativamente ao medio ambiente, á protección da biodiversidade e a un uso sustentábel dos recursos hídricos”. Tampouco, engade Carme da Silva, a un proxecto que suporá a destrución do sector agrogandeiro nas comarcas do corazón do País, a destrución do río Ulla e que mesmo terá graves consecuencias na ría de Arousa, véndose afectado un sector tan importante como o marisqueiro.
De facto, continúa a senadora da Silva, se o Goberno do Estado rexeita conceder á empresa lusa as axudas do PERTE de descarbonización “abriríase a posibilidade de que Altri retroceda nas súas pretensións de instalarse en Palas de Rei e, polo tanto, na Galiza”.



