
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, reuniuse con representantes da Asociación Galega de Empresas de Ensinanza Náutica de Recreo (AGEENAR), que agrupa a gran parte das academias, para abordar distintas cuestións relacionadas coa organización das probas de obtención das titulacións náuticas de recreo e explorar vías de colaboración entre a Administración Autonómica, as escolas oficiais náutico-pesqueiras dependentes da Consellería do Mar e as academias privadas.
Durante o encontro, celebrado na sede da Dirección Xeral, as partes analizaron posíbeis medidas de simplificación administrativa destinadas a facilitar os trámites de inscrición e matrícula do alumnado, así como a xestión dos procedementos asociados ás probas escritas de titulación. Neste sentido, abordouse a mellora do sistema informático que permita axilizar estas tarefas e avanzar cara a unha tramitación máis sinxela e eficiente.
Outro dos asuntos tratados foi a planificación dos exames de cara a 2027, a partir das propostas trasladadas pola asociación. Neste ámbito, abordouse a necesidade de manter canles de diálogo fluídas e unha coordinación permanente entre a Dirección Xeral, as escolas oficiais e as academias de ensinanza náutica de recreo, co obxectivo de favorecer o intercambio de experiencias e mellorar a organización das probas e a xestión administrativa, procurando ofrecer un servizo adecuado ás necesidades do alumnado.
Neste contexto, tamén se puxo en valor o papel das escolas oficiais náutico-pesqueiras de Ferrol, Ribeira e Vigo na realización das probas de titulación náutica de recreo. Entre elas atópase o Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico, en Vigo, recoñecido como Centro de Referencia Nacional de Pesca e Navegación.



