
A Xanela do Maxín leva a Muros, Rianxo e Noia, esta fin de semanam o seu espectáculo teatral familiar (a partir de 5 anos) Confi, o golfiño Manoliño. A cita en Rianxo será este venres 15 no Auditorio Municipal (ás 18h) e a de Muros o sábado 16 de marzo ás 18.00 h no Centro Cultural e Xuvenil de Muros. Na de Muros, as reservas poden facerse a través dun formulario en liña.
Polo que se refire á función de Noia, será este domingo ás 19.00 no Coliseo Noela.
A obra relata a loita pola supervivencia do golfiño galego do mesmo nome, que é un vello coñecido da nosa xente do mar.
Argumento
Coa misión de difundir a defensa do medio ambiente, Confi, O Golfiño Manoliño é un espectáculo de teatro documento que narra os feitos reais da loita pola supervivencia do golfiño do mesmo nome.
Baséase na historia do arroaz que frecuenta as praias da ría de Muros e Noia, ofrecendo unha visión ampla do tema e concienciando sobre a importancia do coidado do medio mariño e da vida salvaxe.
A obra combina o traballo actoral, cos monicreques e proxeccións e, céntrase na conservación e o medio ambiente. “Confi brinda a oportunidade de aumentar a concienciación, sensibilizar sobre o tema e marcar a diferenza”, sinalan dende A Xanela do Maxín.



