Morreu Xesús Mato, creador de Fuxan os Ventos e Auxilia

13 Febreiro 2024

Morreu Xesús Mato, creador de Fuxan os Ventos e Auxilia, Medalla Castelao e Fillo predilecto de Paradela

Esta madrugada faleceu en Lugo Xesús Mato Mato, creador de Fuxan os Ventos e Auxilia, Medalla Castelao e Fillo Predilecto do Concello de Paradela. Cumprira 91 anos o pasado outubro.

Crego e musicólogo desenvolveu un moi importante labor investigador e de recompilación de música tradicional galega, escribiu o poema “Fuxan os ventos”, púxolle música e impulsou o grupo musical que logo levou ese nome e entrou na historia da música deste país, como despois tamén animou o nacemento do grupo “A Quenlla”. Creou coros xuvenís, dirixiu a Schola Cantorum do Seminario de Lugo e o Orfeón Lucense.

Foi crego en Lalín onde fundou a Polifónica e a emisora de radio. En Radio Popular de Lugo foi asesor relixioso, creador das misas en galego pola radio, e director de programas relixiosos e sociais. Colaborou en El Progreso, La Voz de Galicia e Galicia Digital con artigos de temas socio-relixiosos e sobre o Camiño de Santiago.

Durante un cuarto de século atendeu parroquias da montaña lucense, onde recibiu unha homenaxe multitudinaria dos seus fregueses. Lucense do Ano, homenaxeado pola Cruz Vermella de Sarria e galardoado cos Premios María Castaña e Moncho Valcárce, o Orfeón Lucense impúxolle a insignia de ouro e o seu concello natal, Paradela, nomeouno Fillo Predilecto. Obtivo a primeira Medalla Castelao concedida por petición popular, co apoio de máis de dúas mil cincocentas persoas e institucións. Máis dun cento de amigos participaron en cadanseu libro homenaxe cando cumpriu os 75 e os 90 anos de idade.

A capela ardente está instalada no Tanatorio de Paradela, de onde partirá a comitiva fúnebre mañá, mércores, ás cinco da tarde, ata a igrexa de San Nicolás de Portomarín onde, á chegada, se celebrará o funeral e, a continuación, a condución ao Cemiterio Municipal para ser soterrado no panteón familiar.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Xogar coas vidas”. Xosé Antonio Silva

“Xogar coas vidas”. Xosé Antonio Silva

Lucia e Jason son unha parella de noivos que rouba, atraca, dispara, consome drogas e escapa da policía por unha cidade imaxinaria moi parecida a Miami. Son os protagonistas da sexta entrega do videoxogo Grand Theft Auto, o GTA, que vén de chegar ás tendas e, segundo...