
Malia que o Concello de Porto do Son rematou 2023 dando un importante impulso ao proxecto para habilitar na vila sonense un novo ambulatorio, o BNG local emitiu un comunicado no que se pon de manifesto a necesidade de poñer a punto as instalacións do Centro de Saúde actual mentres non se conta co novo inmóbel. Para os nacionalistas, o Centro de Saúde actual atópase nunha situación de “precariedade e emerxencia”.

Tamén lembran que con data do 2 de novembro de 2023 presentaron un escrito no Rexistro Xeral do Concello comunicándolle ao Goberno municipal os problemas e eivas que afectan ao inmóbel: “Tratamos este tema na sesión ordinaria do pleno da Corporación do 30 de novembro de 2023, na que este grupo preguntou polas medidas adoptadas polo Goberno local ao respecto das deficiencias nas que se ven sometidos, tanto a estrutura do edificio (filtración de auga da cuberta fronte ao servidor informático) coma os elementos internos (fiestras, caldeira da calefacción), e recibindo como resposta que xa se fixo o mantemento axeitado, e polo tanto quedaron todos estes problemas solucionados”, explica o BNG no comunicado.

E engaden: “A sabendas de que isto non era así, demos paso a un tempo prudencial para que se evidenciase que as deficiencias seguen aí, e a climatoloxía é quen as pon de manifesto: as fiestras seguen a meter auga cando chove, inundando o chan dos habitáculos e danando incluso o material das consultas, ademais, os días 2 e 3 de xaneiro non traballaba a caldeira, a cal falla moi a miúdo, deixando sen calefacción ao edificio polo que se fixo moi difícil traballar nestas condicións, tanto para o persoal sanitario como para as persoas doentes que teñen que espirse para que lles fagan unha auscultación ou calquera outra proba”.
Segundo fan saber os nacionalistas, a maiores do devandito, o Servizo de Pediatría do centro viuse obrigado a traer calefactores particulares para “poder atender en condicións dignas, tanto na consulta da pediatra como na da súa enfermeira”.

O BNG di que o Concello tampouco deu “resposta positiva” ao requirimento do grupo do pasado 1 de febreiro, no que se lle se solicitaba ao Goberno municipal que “se tomara en consideración a nosa proposta de acometer unha reparación a fondo, realizada por algunha empresa facultada e con experiencia, dando unha solución real aos mencionados problemas e coa maior brevidade posíbel”. Porén, no comunicado dise que “coas choivas da semana pasada, o Centro de Saúde volveu sufrir unhas graves inundacións causando graves prexuízos ao persoal e ás persoas usuarias e estragando, unha vez máis, moito material”.

Por todas estas razón, e tendo en conta, din, que “a construción do novo Centro de Saúde vaise demorar en varios anos”, e que segundo os nacionalistas “probabelmente máis alá de 2028”, o grupo local do BNG considera que “non se pode consentir ter un ambulatorio nestas condicións de deterioro tanto tempo agardando a construción dun novo e que o Goberno municipal do PP ten a obriga de poñer unha solución urxente á situación na que se atopa o inmóbel”.




