
O experto en saúde dixital Pedro García Aguado comezou hoxe a primeira hora a súa rolda de charlas en Ribeira: actividades divulgativas para a cidadanía en xeral e para a mocidade que teñen o obxectivo común de favorecer un uso enriquecedor e consciente das novas ferramentas. García Aguado foi recibido no Auditorio Municipal pola alcaldesa, María Sampedro, quen destacou que “temos que ser nós os que controlemos á tecnoloxía e non ao revés” e facer un uso responsábel da mesma.
O relator imparte este martes 6 de outubro impartir dúas charlas para a prevención de adiccións dixitais dentro do proxecto FES (Formación, Educación e Sensibilización) impulsado pola Federación Autonómica de Centros de Ensino Privados.
O coloquio da mañá estivo dirixido a alumnado de Secundaria dos centros de ensino do municipio para darlles pautas para evitar caer na dependencia das pantallas.

Durante a apertura, a rexedora sinalou a evolución da sociedade “en boa medida ao compás das novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación, as TIC. Vivimos nun mundo cada vez máis dixitalizado no que as redes sociais incluso son unha ferramenta de traballo. Unha dixitalización que chega ao máis cotiá como son as tarefas do fogar e, todo son facilidades, si, que se agradecen enormemente. Pero onde radica o quid da cuestión é en facer un bo uso desta tecnoloxía e sermos conscientes en todo momento de que temos que ser nós os que controlemos á tecnoloxía e non ao revés”, destacou Sampedro.
A mandataria local apuntou que as rapazas e os rapaces de hoxe en día son nativos dixitais e “por iso é responsabilidade que os acompañemos, que os axudemos a facer un uso axeitado dos dispositivos móbiles e das súas aplicacións. Que sexan donos do seu tempo, non as pantallas. Que contemplen o lecer máis alá de consumir contido de Instagram ou TikTok. Que non sexan só dependentes do mundo dixital”.

Deseguido, Pedro García Aguado iniciou a súa charla cunha contextualización de como foi a adolescencia que el viviu e como é a que viven os rapaces de hoxe en día, dende idades temperás influídos polos novos aparellos e ferramentas e moitas veces sen a supervisión e sen o apoio debido. Este relatorio continuará pola tarde orientado a familias, profesorado e público en xeral.
O Concello de Ribeira colabora nesta iniciativa: unha sesión enmarcada na xira de coloquios de Pedro García Aguado pola xeografía galega, impulsada pola Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado (CECEGalicia)

Pedro García Aguado é un reputado educador parental, conferenciante e experto na prevención e intervención de adiccións ás novas tecnoloxías e redes sociais. É ex-campión olímpico de waterpolo e ex-presentador do programa de televisión Hermano Mayor. Redirixiu a súa traxectoria profesional cara á axuda de familias no ámbito do comportamento xuvenil. O seu traballo focalízase en abordar o impacto e os riscos que o uso non supervisado das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) causan nos menores de idade.



