O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Boiro promove actividades formativas e lúdicas pensadas para a muller que se van desenvolver nos meses de outono. Todas as actividades serán gratuítas pero requiren inscrición previa a través do enderezo electrónico cim@boiro.org ou o 669 582 674.
Unha das actividades que se vai desenvolver é o Obradoiro As mareas emocionais de xestión emocional para coidar a mente, a autoestima e a imaxe corporal. Será os días 23 e 30 de outubro e 6 de novembro de 17.00 a 19.30 horas no Centro Social de Abanqueiro.
Tamén se vai a desenvolver unha nova edición do Obradoiro de Defensa Persoal, que será o 7 de novembro de 9.30 a 13.30 horas no Pavillón de Barraña; e un taller práctico de forza para mulleres, que será o 13 de novembro en dúas sesións de 17.00 a 18.00 e de 18.00 a 19.00 horas no Centro Social de Abanqueiro.
Outra das formacións que o CIM de Boiro vai desenvolver este outono é o de Alimentación e benestar hormonal, sobre alimentación nos ciclos vitais, suplementación e destrutores endócrinos. Será o 20 de novembro de 17.00 a 19.30 horas.
En canto ás actividades lúdicas levarase a cabo o 12 de novembro ás 16.30 horas no Centro Social de Abanqueiro a presentación do libro de Carmen V. Valiña As tolas que non o eran cun coloquio posterior. E tamén a representación teatral As formas do amor, que será o 21 de novembro ás 20.00 horas no Centro Social de Abanqueiro.
A programación do outono do Centro de Información á Muller de Boiro terá como broche final o acto institucional de conmemoración do Dia Internacional contra a Violencia de Xénero o 25 de novembro.




