Estaba colocado ou colgado dunha nube, ao lado mesmo da sarabiada que empezaba a caer e que
non parecía máis pequena que as que caeran anteriormente, na semana pasada e nas de días atrás.
O home non sabe o que quere facer, está desgustado polos aconteceres e polos dicires dos seus ou
dos que eran seus, segundo as circunstancias. Aínda que mora en casa grande e ten centos de
asalariados pagados polo erario público, está máis só que a ovella descarreirada.
Uns din que perdeu o norte e outros atribúen o sucedido aos afáns que ten ese home de agarrar a
gloria coas súas mans longas, coas súas amizades afeitas ao éxito e á arrogancia supina. Elas, as
amizades seguen o seu camiño, colocadas diante da maquinaria que move as expectativas. Seguen á
espera, esperando outra mellorada.
Cómpre estudar os tempos, dicía un mercachifle, un deses truchimáns que non para de falar e que
anda no medio dun elenco importante de asesores. Se puidera, trataría de mandar, dirixindo os fíos
do poder todo e imprimiría, para cada unha das esquinas, unha pancarta cun texto en defensa
acalorada da democracia. Moito lle gustaría ser e non ser, ao mesmo tempo, nas mesmas
circunstancias e coa continuidade garantida, mentres os outros, se teñen que agardar, que agarden,
que xunten as súas vontades e que se remiren nelas.
El sabe, ou pensa, que o mal todo, o mal que o rodea e que rodea aos achegados, é por culpa do
mestre armeiro, é cousa dos outros, dos que están do lado contrario, sexan moitos ou sexan poucos.
Todos son innecesarios e inútiles, segundo o seu dicir de egrexio aspirante a capitán de capitáns. Ao
retransmitir o seu falar, correcto ou incorrecto, polas distintas televisións, radios e outros medios,
puxo en evidencia a súa capacidade de resistencia para dobregarse e erguerse novamente, para
defender a verdade, se é necesario, contando mentiras.
A realidade é teimuda e o home que se enfronta a ela ou que avanza con ela, con capacidade de
análise e de crítica, merece o respecto dos escribidores e lectores deste xornal e de calquera outro,
dos que buscan a liberdade para exercela e para que o pobo tamén sexa libre. Cando menos , como
en versos da “Letanía de Galicia” de Novoneyra, “libre pra non ser” ou “libre pra fuxir”.
Porto do Son e a Xunta analizan iniciativas conxuntas para mellorar o acceso á vivenda
A conselleira María Martínez Allegue e o rexedor Luis Oujo mantiveron un encontro institucional para avaliar posibles actuacións no municipio. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo...



