
O Concello de Noia recibiu este luns 5 de outubro a visita da deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García Rey, que se desprazou ao municipio acompañada da deputada provincial Sol Agra e do alcalde, Francisco Pérez, así como de varios integrantes da Corporación Municipal, para abordar as actuacións desenvolvidas no marco do Plan Único da Deputación da Coruña.
No transcurso da súa visita a Noia, García Rey destacou o apoio económico que a Deputación presta ao Concello a través deste programa, que, segundo lembrou, “permite aos municipios dispoñer de recursos para impulsar investimentos e atender as súas necesidades de gasto, cunha maior capacidade de planificación e autonomía na xestión”.

Sinalou tamén que “de acordo coas previsións actuais, Noia contará en 2026 con preto de 2 millóns de euros procedentes do Plan Único, concretamente 1.990.368,38 euros, unha cifra que inclúe as distintas achegas previstas para o exercicio”.
A deputada provincial puxo tamén en valor a evolución do financiamento destinado a Noia desde a posta en marcha do Plan Único “unha ferramenta fundamental para os concellos da provincia, ao proporcionarlles estabilidade financeira e permitirlles definir as actuacións prioritarias en función das necesidades de cada territorio”.
Amais, lembrou que desde 2017, o municipio acumula 10.306.169,27 euros, unha vez incorporadas as novas achegas previstas.
García Rey destacou que o modelo de cooperación da Deputación “contribúe a facilitar a mellora das infraestruturas e dos servizos municipais, ao tempo que reforza a capacidade dos gobernos locais para decidir sobre o destino dos recursos”. A deputada salientou tamén “o compromiso da institución provincial cun sistema de financiamento baseado en criterios obxectivos e igualitarios para o conxunto dos municipios”.



