
A Casa da Mocidade de Ribeira acollerá nos meses de outubro e novembro seis sesións formativas baixo o lema Non é roupa vella, é un proxecto esperando comezar, impulsadas polo Concello. Trátase dun ciclo de obradoiros de costura creativa e upcycling téxtil para achegarnos a ferramentas prácticas co fin de alongar a vida útil dos nosos armarios e transformar a nosa relación coa moda a través do deseño circular.
A proposta parte dunha idea sinxela: a peza máis sustentábel é a que xa temos. Fronte a unha industria da moda que figura entre as máis contaminantes e a uns millóns de toneladas de téxtiles que se desbotan cada ano aínda con vida útil, os obradoiros apostan pola economía circular: reparar, transformar e re imaxinar.
Tres sesións para adultos: iniciación á costura
O ciclo comeza o vindeiro xoves 22 de outubro cun obradoiro de 2,5 horas pensado para quen quere perder o medo á agulla e gañar autonomía co costureiro:
· Xoves 22 de outubro, de 11:00h a 13:30h – Primeiros pasos na costura.
Coñecemento das ferramentas básicas, como enfiar a agulla, facer nós de remate e practicar as puntadas fundamentais: ganduxar (hilvanar), punto atrás e sobrefiado. Cada participante elaborará un mostrario de puntadas físico que servirá de guía de consulta.
· Martes 27 de outubro, de 11:00h a 13:30h – Aprende a reparar. Como coser distintos tipos de botóns, colocar corchetes e realizar reparacións e reforzos de costuras, para evitar que unha peza remate no lixo por un pequeno estrago que se pode amañar facilmente.
· Mércores 28 de outubro, de 11:00h a 13:30h – Baixos e acabados. Toma de medidas, marcado e alfinetado, baixo sinxelo e baixo invisíbel, con técnicas específicas para o groso do tecido vaqueiro. Cada participante axustará o baixo dunha peza propia traída da casa.
Tres sesións para nenos/as de entre 6 e 12 anos: customización da roupa
· Xoves 22 de outubro, de 16:00h a 18:30h – Customiza a túa roupa. Converter unha peza esquecida nunha xoia exclusiva, explorando a autoexpresión e o consumo responsábel.
· Martes 27 de outubro, de 16:00h a 18:30h – Monicreques de Upcycling. Con calcetíns que quedaron orfos, as crianzas crearán o seu propio monicreque, ao que lle poñerán nome, superpoder e voz, e ao que darán vida cunha historia teatral propia. Trabállase a motricidade fina, a expresión oral e a conciencia ambiental, para que os máis novos entendan que o lixo de hoxe pode ser o recurso de mañá.
· Mércores 28 de outubro, de 16:00h a 18:30h – Crea a túa tote bag. Transformar un pantalón denim en desuso nunha bolsa resistente e funcional, aproveitando elementos orixinais como petos e costuras.
Con esta programación o Concello busca achegar a formación á cidadanía e fomentar hábitos de consumo responsable e reutilización. Estas actuacións van dirixidas a incrementar a coeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027.
Cero residuos téxtiles, máxima creatividade
Estes obradoiros seguen o ciclo de vida do armario: avaliar o estado da roupa, intervir para coser e reparar, re-imaxinar mediante a personalización e, cando a peza orixinal xa non serve, dar lugar a unha completa “reencarnación” do tecido. Como resume o lema da entidade, “a moda máis sustentable non é a que se merca, senón a que se transforma”.



