O Cine París (Muros) acolle este sábado a inauguración da mostra “Sinaladas”

17 Setembro 2026

Este sábado, 19 de setembro (ás 19.00 horas), o Cine París de Muros acolle a inauguración da mostra Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión, da Deputación da Coruña, acompañada dunha charla da investigadora e coordinadora da exposición, Montse Fajardo Pérez.

A exposición percorre a historia de mulleres galegas que loitaron por conquistar dereitos e espazos de participación, pero tamén a represión e o silencio aos que moitas delas foron sometidas. Unha memoria que durante moito tempo quedou fóra do relato histórico e que hoxe é necesario recuperar.

“Non podemos dar por feitas as conquistas acadadas. Coñecer de onde vimos axúdanos a entender por que é tan importante seguir traballando pola igualdade”, asegura Maruxa Martínez, concelleira de Muller e Igualdade, engadindo que “desde o Concello queremos que Muros sexa tamén un espazo para a memoria, para o recoñecemento e para poñer no centro as historias das mulleres”.

A exposición propón unha andaina pola loita que as galegas, e nomeadamente as mulleres da provincia da Coruña, emprenderon durante cen anos: desde o agrarismo de finais do século XIX ata o papel xogado no proceso de transición iniciado tras a morte do ditador Francisco Franco. Formada por 39 paneis, a mostra está dividida en tres grandes bloques, que a trazo groso se corresponderían co tempo anterior ao golpe de Estado, o período que vai deste ao fin da guerrilla, e o da loita en prol da recuperación das liberdades democráticas.

Sinaladas ten por obxecto dar a coñecer a centos de mulleres, que malia o sinaladas (destacadas) que eran, ficaron descoñecidas logo de ser sinaladas (perseguidas) pola intransixencia, non só franquista, que as relegou a un esquecemento do que esta mostra as quere quitar.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.