Este mes de outubro o Concello de Noia pon en marcha as Aulas de Saúde, unha nova proposta para falar de calidade de vida e de como conseguila e, tamén, para resolvermos dúbidas da man de profesionais e especialistas en diferentes ámbitos.
Achegarase unha cita cada mes, de outubro a maio, con temas moi diferentes: saúde mental, condutas aditivas, saúde bucodental, oftalmoloxía, medicina personalizada e moito máis.
A axenda arrinca o 2 de outubro, ás 19:00 h, no Teatro Coliseo Noela, falando de Como vivir máis de 100 anos co médico noiés Ramón González Juanatey, cardiólogo e profesor da Facultade de Medicina da USC.
A seguinte cita será o 11 de novembro, tamén no Noela ás 19h, da man de Inés Fernánde de Córdoba, médica de familia do Porto do Son. Achegará o relatorio Equidade de xénero, outras caras da saúde.
Trátase dunha iniciativa do Servizo de Atención Primaria de Noia, coa colaboración do Concello de Noia.





