Boiro Xoga supera as 100 xogadas en liña nos seus primeiros días de campaña

10 Setembro 2026

A campaña Boiro Xoga, A gran partida do comercio local, promovida pola Asociación Boirense de Empresas (ABE), cumpre os seus primeiros cinco días cunha “destacada resposta por parte da veciñanza e un importante interese tamén fóra de Boiro”, segundo informou a organización empresarial no seu balance de actividade sobre o arrinque da campaña.

Inauguración

A inauguración celebrada o pasado sábado na praza do Concello reuniu a máis de 300 persoas. Un dos momentos máis destacados da mañá foi a aparición do primeiro Boiro Xoga da man do Mago Paco, coa colaboración de Enzo, que se converteu na primeira persoa en levar o xogo para a casa. Durante a xornada repartíronse ademais outros 13 exemplares mediante un sorteo entre as persoas asistentes.

A ABE engade que “desde a posta en marcha da campaña, a ABE recibiu centos de chamadas, mensaxes e consultas procedentes de Boiro e doutros puntos de Galicia”. Amais, moitas delas están relacionadas coa forma de conseguir o xogo e con felicitacións pola orixinalidade da iniciativa, “que está a espertar interese como proposta de promoción do comercio local”.

Boa resposta do xogo en liña

A asociación salienta tamén a boa resposta do xogo en liña, que xa supera as 100 partidas realizadas por máis de 60 persoas diferentes. A proposta está baseada nas frases que estes días poden verse nas pancartas instaladas nas rúas de Boiro, mensaxes relacionadas coa importancia de apoiar os negocios locais e coa repercusión que o consumo de proximidade ten na actividade económica e na vida do municipio.

As persoas participantes poden acceder ao xogo a través da web da ABE, responder ás diferentes cuestións e repetir a partida para mellorar a súa puntuación. A clasificación permanecerá aberta ata o 19 de setembro e as tres primeiras persoas recibirán como premio un exemplar de Boiro Xoga. Na actualidade, a clasificación está encabezada por AbrahanFC, Anaro e Blacksmith, os tres cunha porcentaxe de acertos superior ao 94 %, polo que a competición continúa moi aberta.

Boiro Xoga continuará durante os vindeiros días con diferentes posibilidades para conseguir o xogo. Os exemplares tamén se poden obter a través dos Puntos ABE e, como terceira vía, durante a gran festa final que terá lugar o sábado 19 de setembro na praza do Concello.

Nesa xornada repartiranse 100 xogos mediante unha gran dinámica de dados e celebrarase ademais un sorteo de 2.000 euros en Bonos ABE, nunha tarde que pretende converter a praza do Concello nun punto de encontro para clientes, familias e participantes na campaña.

A elevada demanda está facendo que a ABE reciba tamén numerosas peticións para poder mercar o xogo, segundo recoñeceu a asociación no seu balance.

Boiro Xoga foi creado como unha acción promocional da asociación e actualmente non está á venda, aínda que a ABE non desbota estudar no futuro posibles fórmulas de comercialización a través de negocios asociados.

A campaña entra así na súa segunda metade cunha participación crecente e cun obxectivo que vai máis alá do propio xogo: “Poñer o foco nos negocios de Boiro, nas persoas que están detrás deles e na importancia de seguir facendo comunidade a través do consumo local”, en palabras da ABE.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.