Titiriberia ofrecerá en Rianxo durante a súa 11ª edición unha trintena de actividades escénicas entre funcións teatrais, exposicións e palestras

07 Agosto 2026

O certame Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM, celebrará en Rianxo este verán a súa undécima edición.

A programación de espectáculos celebrarase entre os días 18 e 23 de agosto cun cartel que incluirá compañías galegas, portuguesas, aragonesas, andaluzas, catalás, leonesas e vascas. O festival ofrecerá a veciños e visitantes unha trintena de actividades escénicas. De todas elas, 27 serán espectáculos cuxas funcións se repartirán por diferentes puntos da xeografía rianxeira.

Explicárono así en rolda de prensa o concelleiro de Cultura de Rianxo, Julio Alcalde; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e a presidenta da asociación Morreu o Demo, Comba Campoi.

Engadiron que Titiriberia manterá nesta edición a súa aposta por descentralizar a programación e levará espectáculos máis alá dos dous grandes epicentros nos que se desenvolverá o groso do cartel: o Campo de Arriba e o Auditorio. Deste xeito, diferentes lugares como Taragoña, Leiro, Araño, Isorna ou a praia de Tanxil converteranse en escenarios dun festival que, neste 2026, reúne algunhas das compañías máis veteranas do teatro galego de monicreques.

Os Monicreques de Kukas, Viravolta, Tanxarina e Trécola, todas elas formacións que superan os corenta anos de historia, pasarán polo festival. As dúas últimas centran senllas exposicións.

Trécola protagoniza a mostra que, un ano máis, se instala nos escaparates de diferentes comercios adheridos á Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE), mentres que Tanxarina exhibe monicreques da súa creación ao longo de catro décadas de carreira profesional no Auditorio Municipal de Rianxo.

Dez estreas

O festival ofrecerá un total de dez estreas e todas elas correrán a cargo de compañías galegas. Viravolta abrirá a programación, xunto a Títeres Alakrán e Vai de Roda, o martes 18 de agosto ás 12.00 horas coa nova versión da obra A festa dos títeres. Ese mesmo día, entre ás 18.00 e ás 19.30 horas, Trécola estreará Treco-lerias. A xa citada Alakrán presentará a súa nova montaxe o venres 21 ás 21.30 horas no Auditorio de Rianxo: A rosa de papel, unha adaptación ao teatro de monicreques do texto homónimo de Valle-Inclán.

A compañía Seisdedos, pola súa banda, presentará dous espectáculos en Titiriberia: Mamulengo galego, que se dará a coñecer o mércores 19 ás 11.00 horas en Campo Maneiro, Taragoña, e Cantar do ano, que se representará o xoves 20 ás 19.00 no Campo de Arriba. Babaluva estreará unha coprodución co festival, Retratos de verán, unha peza creada para as caixiñas Lambe-Lambe, espectáculo de pequeno formato pensado para un ou dous espectadores.

Os monicreques de Kukas tamén estrearán dúas pezas neste formato Lambe-Lambe: Divertimentum Musicum e Sós, o mar, o Barco e máis nós. Estas tres pezas poderán verse en varios pases as 18.00 e as 20.00 horas o día mércores 19.

A histórica formación teatral Airiños volve colaborar co festival Titiriberia e estreará o sábado 22 ás 19.00 horas Retrincos: Sabela e Peito Lobo, adaptación teatral destas dúas historias que forman parte da obra de Castelao Retrincos.

Finalmente, o encontro ofrecerá ao público As varietés de Barriga Verde, un espectáculo de variedades que edición tras edición reúne no escenario a multitude de artistas cos seus números. Celebrarase o sábado ás 22.00 horas no Campo de Arriba.

O cartel complétase con compañías procedentes de Portugal (SA Marionetas), Aragón (Titiriteros de Binéfar), Cataluña (Toni Rumbau), Euskadi (Zurrunka Teatro & La Semilla Voladora e El tenderete), Andalucía (Colectivo lobishome) e Castela e León (Rosa Encinas).

Formación

Cada ano, Titiriberia ofrece —tanto ao sector profesional como ao público afeccionado aos títeres— cursos de formación para achegarse a esta disciplina artística ao abeiro da Escola de Títeres Barriga Verde. Este ano impartirá un curso o mestre portugués José M. Valbom Gil, de S.A.Marionetas. Desenvolverase entre os días 21 e 23 de agosto e nel achegaranse nocións básicas do Teatro Dom Roberto, forma portuguesa do títere de cachaporra estreitamente vinculado ao noso Barriga Verde. O prazo de inscrición remata o 15 de agosto e xestiónase a través do correo electrónico info@barrigaverde.eu.

Toda a información na web do festival: www.titiriberia.com.

A Deputación destaca o papel do festival na dinamización do territorio

Na presentación da axenda participou a deputada de Cultura, Natividade González, salientando que Titiriberia “contribúe a fortalecer a creación cultural, dinamiza o territorio e achega propostas artísticas de gran calidade a públicos de todas as idades”. A deputada destacou tamén que “a cultura é unha ferramenta esencial para vertebrar a provincia, preservar o patrimonio inmaterial e crear espazos de encontro entre a tradición e a creación contemporánea”, ao tempo que reafirmou o compromiso da institución provincial coas iniciativas culturais que promoven o acceso á cultura en todo o territorio.

A Deputación da Coruña colabora un ano máis coa celebración de Titiriberia, que desenvolverá a súa undécima edición entre os días 18 e 23 de agosto en Rianxo cun programa que inclúe unha trintena de actividades entre representacións teatrais, exposicións, accións formativas e encontros arredor da arte dos monicreques. O festival, organizado pola asociación Morreu o Demo, consolídase como unha das principais citas do teatro de monicreques en Galicia, reunindo nesta edición compañías procedentes de Galicia, Portugal, Aragón, Andalucía, Cataluña, Euskadi e Castela e León.

A Deputación da Coruña reafirma así o seu compromiso co apoio a festivais que contribúen á conservación e difusión do patrimonio cultural, favorecen o intercambio artístico e fortalecen o tecido cultural da provincia mediante propostas que combinan tradición, innovación e participación cidadá.

Apoio de AGADIC

Na cita tamén estivo presente o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que este certame conta este ano cunha achega de 20.509 euros da Xunta de Galicia, ao abeiro das subvencións para festivais profesionais de artes escénicas, dotadas cun investimento total de 290.000€ para apoiar 13 citas especializadas en toda a Comunidade. Ademais, lembrou que integra a campaña de verán do Goberno galego Para gustos, cultura con 3.600 propostas culturais distribuídas en máis de 200 concellos.

Deste xeito, destacou que, co apoio do Goberno galego, o festival Titiribeira desenvolverá unha programación integrada por unha trintena de actividades, dez estreas de compañías galegas e propostas procedentes de sete territorios, consolidándose como unha cita de referencia para a creación, a exhibición e a conservación desta disciplina artística.

Na presentación do programa, Jacobo Sutil erixiu Titiriberia como “exemplo” do papel que desempeñan os festivais especializados para “fortalecer o ecosistema das artes escénicas galegas, favorecer a circulación dos espectáculos e crear espazos de encontro entre compañías, profesionais e públicos”.

De igual xeito, incidiu en que o teatro tradicional de monicreques forma parte do patrimonio cultura galego e gabou o traballo de entidades organizadoras como a deste certame, Asociación Morre o Demo, por contribuír “a que continúen plenamente vivos”. Nestes agradecementos tamén incluíu os e as creadoras por “actualizar esta linguaxe artística sen perder a conexión coa súa memoria e identidade”.

Neste sentido, valorou a capacidade de Titiriberia de “combinar exhibición, formación, investigación e cooperación internacional, converténdose nun escaparate privilexiado para o talento galego e nun punto de encontro con outras tradicións europeas do monicreque popular”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Saúde pública en Europea” – José Manuel Pena

“Saúde pública en Europea” – José Manuel Pena

O beber demasiado alcol, o fumar, o non facer exercicio, o abusar das drogas ou o comer alimentos que nos fan dano, son algunhas das ameazas para a nosa saúde que provén do modo e o estilo de vida de cada un de nós. Resulta extraordinariamente preocupante de que o...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.