
O Concello de Rianxo, a través do seu alcalde Julián Bustelo, fixo balance dos fitos acadados na terceira semana de agosto, “unha semana moi importante para o futuro do noso municipio na que puxemos en marcha outro medio millón de euros en obras”.
No balance, Bustelo destaca a formalización coa Deputación da Coruña do convenio para construír a nova residencia de maiores de Rianxo. Foi un novo e decisivo paso para facer realidade este centro residencial público que contará con 59 prazas.
Ademais, o Concello licitou por 273.970,10 euros a rehabilitación dos baixos das casas dos mestres coa finalidade de reconvertelos en catro novos locais sociais, duns 50 metros cadrados cada un e dotados de cadanseu baño, para uso e desfrute dos veciños e veciñas.
Dende o Consistorio tamén informaron da licitación por 215.985€ da obra de mellora do entorno do hórreo do Araño, “unha obra que permitirá, entre outras cousas, renovar todo o firme da rede viaria do entorno, mellorar as zonas de estacionamento e mellorar a sinalización deste elemento patrimonial tan singular”.
O Concello tamén adxudicou o proxecto de remodelación da zona deportiva situada a carón do Campo de Arriba. Unha actuación que obedece a unha vella demanda das familias rianxeiras e que conta cun orzamento 48.380,64€.
A maiores aprobáronse as bases e a convocatoria de axudas para a adquisición de material escolar destinadas destinadas ao alumnado de educación infantil e ensino obrigatorio do municipio. “Este ano duplicamos o importe total destinado a estas axudas en relación cos anos anteriores o que nos permitirá chegar aínda a máis familias”, informou Bustelo.
Para rematar, o rexedor informou da aprobación das bases e a convocatoria da liña de axudas axudas destinada a apoiar as actividades impulsadas polas anpas dos centros escolares rianxeiros. Un programa de subvencións impulsado por segundo ano consecutivo e que conta cun orzamento de 10.000€.




