
Foi evidente na carreira de Mariano Rajoy como máximo responsable do PP e presidente do Goberno, mais tamén o é na de Alberto Núñez Feijoo na súa condición de presidente nacional do PP: ambos os dous semellan ser “incongruentes” en circunstancias que politiicamente fan cavilar sobre a súa capacitación para ostentar ese cargo de máximo dirixente do principal partido político de España.
Despiste, falar por falar ou seren conscientes de que o que dicían serían un “destacado” nos medios de comunicación?. “Un vaso é un vaso e un prato é un prato”, dixo unha vez Rajoy, autor asimesmo da popular “Canto pior mellor para todos e canto pior para todos, mellor para min, o seu beneficio político”.
Feijoo non se mete nestes “fregados”, pero vai uns días “descontrolóuselle” unha apreciación, talvez consecuencia das gañas que ten de que se celebren eleccións xerais e que estas lle permitan ocupar o palacio da Moncloa.
Ultimamente o presidente do PP ataca constantemente a RTVE e, posiblemente levado por esas gañas de cambio, responsabilizou aos actuais dirixentes da radio e a televisión públicas de España de manipular os informativos e non atopou nesta ocasión nada mellor que acusala de incumprir os estatutos da radio-televisión pública sinalando que os informativos deben ter en conta os resultados electorais e asignar os tempos da información en relación con estes.
Imaxina o lector que sería un informativo no que primasen, efectivamente, eses resultados sen dar valor á información?. Que importancia conceden aos contidos informativos dos medios públicos se son quen de deseñar os mesmos en base ao número de deputados que cada formación ten?. Ou será que Núñez Feijoo quere aplicar aos informativos de RTVE as mesmas normas que son de aplicación a eles en campaña electoral?. Foi esta a política informativa desenvolvida pola RTVG e por cuxa aplicación protestan os redactores da radio e televisión galegas nos famosos “venres negros” desde hai anos?.
Ás veces canto se gaña estando calados.



