O Torneo de Golf CONGALSA celebrará a súa duodécima edición entre o 21 e o 23 de agosto

07 Agosto 2026

As instalacións do Barbanza Golf, en Boiro, acollerán do 21 ao 23 de agosto a duodécima edición do Torneo de Golf CONGALSA, “unha cita que se converteu na competición con máis traxectoria histórica do club e nunha das probas deportivas con maior arraigamento na comarca”. Así o puxo en valor a directora de Relacións Externas da Corporación Empresarial CONGALSA, Isabel Cañas, que esta mañá visitou o campo no que se celebrará a nova edición deste torneo.

Na súa visita ás instalacións Isabel Cañas foi recibida por Alberto Colón, presidente do Club Deportivo Barbanza Pitch & Putt, quen sinalou que “con máis dunha década de historia, o torneo afronta a súa próxima convocatoria mantendo a aposta por reunir a xogadores de diferentes categorías nun ambiente que combina convivencia, competición e promoción do golf como unha disciplina deportiva aberta a todos os públicos”.

O XII Torneo de Golf CONGALSA disputarase baixo a modalidade Individual Stableford, un formato no que cada participante compite de maneira individual e a clasificación establécese mediante un sistema de puntos segundo o resultado obtido en cada foxo. Esta modalidade permite que diferentes xogadores poidan competir en igualdade de condicións, tendo en conta o seu hándicap. Xunto a isto, a proba puntuará para a Orde de Mérito (OM) do C.D. Barbanza Pitch & Putt, polo que os resultados obtidos polos participantes sumarán para a súa clasificación xeral da tempada.

Saída a tiro

Unha das particularidades desta competición será o sistema de saída a tiro que establece que todos os xogadores de cada quenda inicien a competición á mesma hora desde diferentes foxos do percorrido. Así, poderán optar por saír o venres 21 de agosto ás 17.00 horas; o sábado 22 ás 11.00 ou ás 17.00 horas; ou o domingo 23 ás 10.30 horas.

No apartado deportivo, o torneo contará con trofeos para os mellores clasificados nas categorías Scratch, Hándicap, Sénior, Feminina e Júnior, ademais de galardóns para os segundos clasificados en Scratch e Hándicap. Xunto a isto, todos os participantes recibirán un agasallo de benvida (un paraugas corporativo de CONGALSA) e poderán participar no sorteo especial dun Putt Spider.

A maiores, o torneo contará cun premio especial para o xogador que logre un foxo en 1 no foxo 18, consistente nun cheque de 500 euros.

Inscricións e cotas

Todas as persoas interesadas en participar nesta competición poderán inscribirse ata o vindeiro 20 de agosto a través de Golfdirecto.com, mediante o correo electrónico barbanzagolf@gmail.com, por teléfono (651 17 29 45) ou no propio campo de golf. A inscrición terá un custo de 15 euros para os menores socios e de 20 euros para os menores non socios. Na categoría de adultos, a cota será de 18 euros para os socios do club e de 25 euros para os non socios.

Finalmente, o acto de entrega de premios será o domingo, 23 de agosto, a partir das 13.00 horas coa entrega de premios, o sorteo de agasallos e unha degustación de produtos de CONGALSA.

Fortalecer o vínculo coa comarca

Durante a súa visita ás instalacións do Barbanza Golf, Isabel Cañas puxo en valor o patrocinio da

empresa pobrense á iniciativa e o seu respaldo ao deporte base na súa contorna máis próxima. “Este torneo representa valores que forman parte do compromiso da nosa compañía, coma o fomento dos hábitos saudábeis e a actividade física, e permítenos seguir fortalecendo o noso vínculo coa comarca do Barbanza”, asegurou.

Isabel Cañas desprazouse esta mañá ata Boiro xunto a Irene Souto, responsábel de Compliance e Sustentabilidade Corporativa do grupo empresarial, para presentar ao torneo con Alberto Colón, presidente do Club Deportivo Barbanza Pitch & Putt. No acto participaron tamén membros do equipo de golf de CONGALSA.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.