
O Concello da Pobra do Caramiñal informa de que xa está aberto o prazo para solicitar as axudas do programa Respiro Familiar, destinadas a persoas coidadoras habituais e non profesionais de persoas dependentes ou con discapacidade. As persoas interesadas teñen ata o vindeiro 15 de outubro para tramitar a súa solicitude.
A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 11 de agosto, conta cun orzamento total de 735.204,93 euros. O seu obxectivo é facilitar o descanso e a conciliación da vida persoal, familiar e laboral de quen exerce estes labores de coidado.
As achegas inclúen tres modalidades: respiro no fogar, respiro nun centro de día e respiro nunha residencia. As contías poden acadar os 1.500 euros para estadías temporais en residencias e os 1.000 euros para contratar servizos privados puntuais en centros de día ou a atención dunha persoa coidadora no propio domicilio.
A orde ten carácter retroactivo desde o pasado 1 de xaneiro. A tramitación realizarase preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, aínda que tamén se poderá efectuar por rexistro.
Para ampliar a información, pódese acudir aos Servizos Sociais municipais, situados na Praza da Constitución, 3, contactar no teléfono 981 83 27 64 ou escribir ao enderezo servizos.sociais@apobra.gal. Tamén se pode acudir ao Centro Sociocomunitario da Pobra do Caramiñal, na rúa Castelao, 5.




