
Ás veces as cousas que se levan facendo toda a vida e son xa unha tradición arraigada representan un auténtico perigo.
Precisamente porque se levan facendo toda a p…. vida son un perigo.
En Ribeira (e noutras cidades e vilas tamén), lévase facendo toda a vida isto que medio pode verse na foto: instalar un escenario descomunal na entrada do malecón durante todas as xornadas das Festas do Verán, un escenario cos seus camións (catro ou cinco) que ocupa boa parte da explanada do porto e da rúa Romero Ortiz e que nas súas diferentes versións (distintas orquestras) establece cada ano un novo récord Guinness de estrondo musical, decibelios, graves e lucerío.
É coma se alguén, non se sabe quen, movese os marcos do noveno círculo do Inferno de Dante (o peor, o do lago en cuxo centro se atopa Lucifer) para facelo cada doce meses un pouco máis grande.
Ademais, xa non valen dúas horas de música, agora teñen que ser dous pases de matraca ata altas horas da madrugada (con sorte as orquestras rematan ás 2.30), sen descansos, encanando unha canción tras outras, sen sequera incluír unha balada para calmar os ánimos nin un momento de silencio para afinar instrumentos ou mirar as estrelas.
O veciño ou veciña que poida descansar nestas condicións debera ser estudado/a para conquistar outros planetas, mesmo os máis inhabitábeis dos planetas máis inhóspitos.
Porque dá igual os tapóns que poñas nas orellas, a música (o estrondo) está na porta que abres e pechas, na cama na que te deitas, na cunca do café o ou colacao que che vibra na man, no aire que respiras. Éntrache polas orellas, si, pero tamén polo tacto, por todas as partes do teu corpo que teñen algo de sensibilidade, mesmo onde crías que non había sensibilidade.
Os veciños desa parte do porto de Ribeira téñeno cru nesta época do ano, moi fodido, porque son catro (case cinco) condenados días de verbenas nocturnas ata, como mínimo as 2 ou 3 da mañá.
Pobre do que teña que traballar ao día seguinte ou chegue baldado a casa despois de choiar toda a xornada. Pobre do que teña xente enferma en casa, ou nenos con dificultades para durmir, ou persoas neurodiverxentes, ou animais a quen ninguén lles pode explicar que ese ruído atronador vai pasar, que é pasaxeiro. Pobre do que non teña un sitio (a casa dun amigo ou familiar, unha tenda de campaña, un hotel) ao que escapar.
Non se me entenda mal: ten que haber festa, os bares teñen que facer caixa, é lícito e normal, e ten que ser así.
Pero non é normal que se poña o palco sempre no mesmo sitio tantas noites seguidas sen interrupción.
Lembrade que a moi poucos metros do palco hai unha Residencia de Maiores onde as e os residentes precisan un merecido descanso, igual que o persoal que alí traballa.
Para moitos será normal deitar a estas persoas (as da Residencia) ás 21.00 horas e que dúas horas despois comece un estrondo musical desbocado ata máis alá de calquera hora razoable.
A moitos pareceralles normal, a min non.
A min non me parece normal que dende a porta dunha residencia de persoas maiores, enfermas ou vulnerábeis moitas delas, poidas tocar case coa punta dos dedos o escenario da París de Noia.



