Aguiño segue en loita para cubrir as baixas na atención sanitaria 

14 Agosto 2026

A contorna do Centro de Saúde de Aguiño volveu ser escenario este venres dunha nova mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e pola veciñanza de Aguiño para reclamar “unha atención sanitaria digna e a cobertura de todo o persoal necesario no Centro de Saúde local”. Na mobilización participaron representantes do Bloque Nacionalista Galego de Ribeira, que denunciaron que “a situación estase a agravar tanto en Aguiño como en Ribeira, especialmente durante os meses de verán, cando o importante incremento da poboación debería levar a reforzar os servizos sanitarios”. Pola contra, sinalaron que a Xunta “continua sen cubrir baixas de longa duración, vacacións e outras ausencias, provocando atrasos considerábeis nas citas e unha sobrecarga cada vez maior para os profesionais que permanecen nos centros”.

O BNG engadiu que “no caso de Aguiño, a situación resulta especialmente preocupante”. Os representantes da agrupación sinalaron que “das dúas médicas de familia que precisa o Centro de Saúde, unha delas permanece de baixa de longa duración desde hai máis de dez meses, e nesta época estival, coa chegada de milleiros de persoas á parroquia, a Consellería de Sanidade non está cubrindo esta ausencia ningún día, nin sequera de maneira parcial. Esta falta de cobertura está a provocar importantes demoras para conseguir cita e obriga á única profesional dispoñible a asumir unha carga asistencial que dificulta unha atención axeitada ás necesidades da poboación”.

Denunciaron que “unha situación semellante prodúcese tamén no Centro de Saúde de Ribeira, onde se están acumulando importantes atrasos nas citas e nas listas de espera como consecuencia da falta de profesionais e da ausencia dunha cobertura suficiente das baixas e das vacacións”.

O portavoz do BNG de Ribeira, Luís Pérez Barral, considera que “o Partido Popular deteriora tanto a atención sanitaria que fai case imposíbel acudir ao médico de cabeceira na época do ano na que máis persoas hai no noso concello. En Aguiño levamos máis de dez meses cunha baixa sen cubrir adecuadamente e, neste verán, a situación chegou ao extremo de que non se está substituíndo ningún día, nin tan sequera de xeito parcial. Estamos falando dunha das dúas médicas de familia do centro, polo que as consecuencias para a atención á veciñanza son evidentes”, sinalou.

Pérez Barral advertiu tamén de que a situación de Ribeira require unha resposta: “Os atrasos nas citas son cada vez maiores e os profesionais teñen que asumir unha presión asistencial que non lles corresponde. Non se pode pretender ofrecer unha sanidade pública de calidade sen dotar os centros do persoal necesario nin cubrir as ausencias”, manifestou.

O ex-alcalde dixo que “esta problemática non é unha circunstancia puntual do verán, senón o resultado dunha política sanitaria na que o PP leva anos deteriorando progresivamente a atención primaria”. E engadiu: “A veciñanza leva meses mobilizándose, reclamando algo tan básico como ter profesionais suficientes para poder recibir atención en condicións”. Tamén foi crítico co Concello: “Temos unha alcaldesa que sempre escolle primeiro defender os intereses do Partido Popular antes que defender os dereitos da veciñanza a ter un servizo de saúde público de calidade e cos profesionais suficientes”.

Desde o Bloque Nacionalista Galego reclaman á Consellería de Sanidade “a cobertura inmediata e efectiva de todas as baixas, especialmente a praza de longa duración existente en Aguiño, así como das vacacións e demais ausencias do persoal, e demandan o reforzo necesario dos centros de saúde de Aguiño e Ribeira para reducir os atrasos e garantir unha atención sanitaria acorde ás necesidades da poboación”.

O BNG de Ribeira reitera, finalmente, o seu apoio ás mobilizacións da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e da veciñanza de Aguiño e Ribeira e asegura que “continuará reclamando solucións ata que a Xunta garanta unha atención primaria pública, digna e con profesionais suficientes para atender á veciñanza durante todo o ano e, especialmente, nunha época estival na que a poboación aumenta de maneira considerábel”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.