A Romaría de Exipto 2026 pecha cun éxito de participación e consolídase como unha das grandes citas do verán en Boiro

03 Agosto 2026

A Romaría de Exipto pechou esta fin de semana unha nova edición cun balance “moi positivo”, en palabras da organización (a comisión veciñal de festas), que destacou que a cita reuniu a centos de persoas durante tres días de celebración en Abanqueiro. A programación, pensada para todos os públicos, combinou tradición, música, gastronomía e actividades familiares, consolidando unha vez máis esta cita como un dos eventos máis destacados do verán na comarca.

As festas comezaron o venres cunha actividades interxeracional organizada por AGADEA e a tradicional subida dos santos desde a igrexa de Abanqueiro ata a capela de Exipto, seguida da misa en honra da Virxe de Exipto. A continuación, celebrouse un espectáculo para todos os públicos de Raquel Queizás. E xa pola noite, o festival O Retumbar da Telleira reuniu sobre o escenario a Mal Finde, Belako e Mujeres, rematando a xornada coa sesión de Rapariga DJ.

O sábado estivo marcado pola animación desde primeira hora coa alborada de O Ar de Loureda e Arume, a misa en honra de San Antonio, as actividades infantís e a festa da escuma.

A sesión vermú coa Orquestra Neverloura e a tradicional sardiñada popular congregaron a un gran número de asistentes, chegando a esgotarse todas as racións de sardiñas da cetárea Ángel Mar e tamén os mexillóns da Cooperativa de Abanqueiro repartidos durante a xornada.

Pola tarde celebrouse o torneo de birlos, a espectacular batucada de Boa Vibra desde Corea ata Exipto e, xa pola noite, a verbena co Dúo Charada e a Orquestra Platinum puxo a bailar ao público ata ben entrada a madrugada.

O domingo, día grande da romaría, viviuse unha intensa xornada arredor da capela de Exipto.

As diferentes misas en honra da Virxe, a procesión, a actuación do Grupo de Baile de Abanqueiro, o mercado ecolóxico organizado pola asociación Aloumiña, a sesión vermú con Tremenda Sudada e o tradicional xantar popular converteron o monte nun punto de encontro para veciños e visitantes.

A romaría continuou durante toda a tarde coa música de O Ar de Loureda e Home Orquestra, ademais dos xogos populares que volveron reunir a persoas de todas as idades.

A programación familiar tamén foi protagonista, con inchables gratuítos durante a fin de semana grazas ao patrocinio de JEALSA a través do seu programa de RSC We Sea, permitindo que os máis pequenos desfrutaran da romaría nun espazo pensado especialmente para eles.

Desde a Comisión de Festas da Romaría de Exipto agradeceron a implicación de todas as persoas voluntarias, veciñanza, patrocinadores, colaboradores, asociacións, artistas, grupos participantes, empresas e institucións “que fixeron realidade esta edición”.

“O seu apoio e compromiso volveron demostrar que a Romaría de Exipto é unha festa construída entre todos e para todos”, sinalaron dende a comisión, engadindo que “tralo éxito acadado este ano, xa comezamos a traballar coa ilusión posta na próxima edición, co obxectivo de seguir facendo medrar unha romaría que cada verán reúne a máis xente arredor da tradición, da cultura e da convivencia”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.