
A programación cultural da Pobra do Caramiñal continúa a próxima semana con dúas propostas no Cantón da Leña. Sue Moreno, con 5.0, e Rendos Pequeno, con Charlatán Rodríguez, protagonizarán as funcións previstas para o martes 11 e o xoves 13 de agosto, ambas ás 20.30 horas.
O martes 11 será a quenda de 5.0, unha creación de Sue Moreno que fala dos cambios, da transformación e do envellecemento desde o amor e o humor. A protagonista, unha diva que se achega aos 50, enfróntase a unha pregunta: canto tempo máis pode ser trapecista?
Acrobacias aéreas, música e equilibrios forman parte desta proposta, que conta coa dirección de Gonçalo Guerreiro (Elefante Elegante).
A programación continuará o xoves 13 con Charlatán Rodríguez, de Rendos Pequeno. Un charlatán chega á vila coa lingua afiada, os instrumentos afinados e un posto de venda ateigado de remedios para todos os males.
Armado de retranca e coa sabedoría adquirida tras percorrer todos os camiños, ofrecerá ao público menciñas que non necesita a prezos que non pode pagar, ademais dun catálogo de solucións inútiles para problemas inexistentes, laretadas baleiras, melodías inventadas, pequenas grandes ilusións e contos de impostor.

As dúas funcións forman parte do programa Rede Cultural da Deputación da Coruña, que achega á Pobra novas propostas das artes escénicas e contribúe a ampliar a oferta cultural da vila.
Desde o Concello anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao Cantón da Leña e gozar destas dúas citas, apoiando e compartindo a cultura en directo.



