A Pobra prepárase para vivir o Carme dos Pincheiros do 14 ao 17 de agosto

07 Agosto 2026

A Pobra do Caramiñal presentou este venres unha nova edición do Carme dos Pincheiros, que se desenvolverá do 14 ao 17 de agosto cunha ampla axenda na que a música e a cultura popular compartirán protagonismo con algunhas das tradicións máis arraigadas da vila. 

Na presentación participou a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, xunto con representantes da Comisión de Festas do Carme dos Pincheiros, que deron a coñecer os principais detalles das catro xornadas.

Durante a súa intervención, Lojo salientou o carácter especial desta cita e o seu forte vínculo coa identidade da Pobra. Fixo especial fincapé nos xigantes e cabezudos, que forman parte da historia e da tradición local e constitúen un dos elementos que lle confiren unha personalidade propia ao Carme.

A concelleira quixo recoñecer tamén o labor dos rapaces que se encargan de sacar estas figuras á rúa e facelas bailar durante estes días. Destacou “as horas que dedican, o esforzo e a ilusión que poñen para contribuír a manter vivo un legado que continúa pasando dunha xeración a outra”.

Lojo referiuse igualmente á implicación municipal e explicou que este ano o Concello realiza unha achega de 35.000 euros á Comisión de Festas, ademais de encargarse directamente da programación do venres. O apoio abrangue tamén os montaxes, as infraestruturas, a limpeza, a coordinación e outros labores necesarios para que todo estea preparado.

A edil agradeceu, así mesmo, a dedicación da Comisión do Carme dos Pincheiros, poñendo en valor o esforzo e as numerosas horas que require organizar unhas festas destas características.

Catro días de música e cultura popular

O programa comezará o venres 14 de agosto. Ás 19.00 horas sairán os xigantes e cabezudos co grupo de gaitas Trécola e, ás 19.30 horas, celebrarase a imposición de escapularios aos novos confrades.

Ás 20.00 horas realizarán un percorrido desde a praza Alcalde Segundo Durán ata o Concello e, ás 21.00 horas, celebrarase o pregón. A partir das 22.30 horas chegarán Déixate Estar, Firadela, Human, Eme Music e DJ Marcos Magán. 

O sábado 15 arrancará ás 11.00 horas coa Banda de Música de Vilaboa, a Banda de Gaitas Airiños de Fene, Os Caraveiros, grupos de gaitas Xiada, Churimás e Os Arghalleiros. Ás 12.00 horas haberá xogos populares con Axóuxere e saída dos xigantes e cabezudos co grupo de gaitas Trécola; ás 13.00 horas, a Banda de Música de Vilaboa actuará no xardín e ofreceranse concertos das distintas agrupacións polas prazas da vila. Ás 16.30 horas chegarán os San Juerguines e a Festa da Auga. A partir das 22.30 horas, a noite estará protagonizada pola Orquestra Capitol e Discomóbil Karamelo. 

O domingo 16 comezará ás 11.00 horas coa Banda de Música de Noia, a Banda de Gaitas de Calo, Os Caraveiros, grupos de gaitas Xiada, Os Arghalleiros e Queicoa. Ás 11.30 horas terá lugar a entrada da Brilat e o desfile e, ás 12.00 horas, a benvida á Brilat con arrancadeira no Cantón da Leña, ademais dunha nova saída dos xigantes e cabezudos co grupo de gaitas Trécola. Ás 13.00 horas actuará a Banda de Música de Noia no xardín e, ás 18.30 horas, celebrarase a misa solemne, procesión da Virxe do Carme e ofrenda floral. A partir das 22.30 horas será a quenda de Panorama City e Chocolate Disco Móbil. 

O luns 17 abrirase ás 11.00 horas coa Banda de Música de Calo, a Banda de Gaitas Herba Grileira, grupos de gaitas Xiada, Os Caraveiros, Ar de Loureda e Os Arghalleiros, ademais do Tren Pincheiro. Ás 12.00 horas abrirá Pincheirolandia; ás 12.30 horas sairán os xigantes e cabezudos co grupo de gaitas Trécola e, ás 13.00 horas, terá lugar a Festa da Espuma e o concerto da Banda de Música de Calo no xardín. Ás 13.30 horas está previsto o percorrido dos distintos grupos de gaitas. Pincheirolandia retomará a actividade ás 17.00 horas e, ás 20.00 horas, haberá unha nova saída dos xigantes e cabezudos acompañados polos grupos de gaitas. Ás 22.30 horas actuará Treixadura e, ás 00.30 horas, terá lugar a gran queima de fogos artificiais e combate naval. Despois dos fogos continuará a música con Chocolate Disco Móbil. 

Para pechar a presentación, Patricia Lojo animou á veciñanza e ás persoas que visiten A Pobra a saír á rúa, participar nas diferentes propostas e gozar destes días, mantendo vivo o carácter propio do Carme dos Pincheiros e unha parte moi querida da historia da vila.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.