“A cultura de Estocolmo” – Lois Alcayde Dans

10 Agosto 2026

A miña quinta, os nados nos noventa, medramos nun ecosistema cultural estraño. A cultura galega do momento estouraba, como hoxe, de recoñecementos a nivel estatal. Eran tempos do novo e frustrado Estatut en Cataluña, e Madrid sempre fixo equilibrios e contrapesos con iso da “diversidad de los pueblos de España”. Aqueles persoeiros de entón saían á palestra pública e comezaban a desempeñar un papel de novos intelectuais.

Aqueles eran uns intelectuais que pouco tiñan que ver coa xeración precedente da socialdemocracia de Carlos Casares ou Alfredo Conde, nin coa anterior, con Piñeiro, o conservadorismo de Filgueira (lean o estourido punk de Teima no sitio web do Consello da Cultura Galega para ver as inxustas e tremendas hostias como pans que lles daba aquela redacción aos de Realidade Galega —ese gueto— e a obsesión coas manciñas de Isla Couto… daquela os tímidos e apoucadísimos democristiáns galeguistas eran malos, malísimos! https://consellodacultura.gal/especiais/teima/ ) e, xa non digamos, Otero Pedrayo ou o caso Carvalho Calero, máis alá do recoñecemento ao vetusto e laureado pai, colocado nas Letras Galegas de tapas verdes da Voz. Era aquilo dos noventa, para os intelectuais na crema do follado, un papel interesante e, ás veces e con toda a xustiza, rendible.

Porén, nese exercicio de figura pública, á calor das novas inquedanzas da época, como a memoria histórica ou o entroido e a bixutería non tan barata do devastado Zapaterismo, penso que se esqueceu un elo. Algo se perdeu. Para entendermos, Galicia no cultural quedaba reducida a ese incomprensible caixón de sastre dos andeis de libros “en galego” (lingua estranxeira, xénero thriller en si mesmo?). Quedaba como algo alleo, ese país dos soños cuxa derrota sería non ser o país cotián. Déronnos de nenos a matraca con Díaz Pardo, pero non tanto coa súa incrible Bauhaus atlántica como coa súa épica de vítima da represión política.

Xa nin falamos da pintora Lolita Díaz Baliño ou da delicada Julia Minguillón; do economista liberal Isla Couto ou do capitalista e industrial Paz Andrade. De Luís Seoane, polo menos, tiñamos e temos a sorte os coruñeses que coñecemos o terceiro andar do Museo de Belas Artes e nos deixamos enredar polos polbos ao sol e as mariscadoras figuradas en vermello e amarelo.

Que nos faltou a nós, os dos presentes trinta ou case-que-trinta insultantes anos?

Alén do Padornelo tiñamos de pequenos referentes consumidos polos nosos pais. Amén dos castizos Serrano —evidentemente, Pratos Combinados daba mellor para nós, nun óso de nécora ben aquelado, eu namorei logo do humor ácedo doutro éxito en maiúsculas PC: Padre Casares—, existía unha cultura presente en todos os soportes: cinema almodovariano para os frikis, estética futboleira dos mundiais dos anos 2000, televisión adolescente para a media; incluso unha estética ben choni, ben cayetana, que se correspondía ben con Usera ou ben con Salamanca, dous famosos e contrapostos barrios da capital de España.

Os nados nos noventa chegamos quizais vernizados por outro material máis estándar e menos experimental ca os dos oitenta. Non temos, nin sequera hoxe, un rastrexo evidente daquela década. Eu, de cando en vez, por iso da nostalxia de algo que un nunca coñeceu, releo algún libro de Alfredo Conde —hai un moi simpático e onírico sobre unha señora que corre—, collo Luces de Fisterra, do añorado Carlos Mella, xa máis noventeiro, e abro o brillante e escacharrante Galicia, Galicia, retrato dunha época feito por Manuel Rivas.

Preguntámonos pola crise do idioma, pero non tanto polo soporte deste máis alá do País da Ilusión cunqueirián. Polos referentes. Unha lingua non se mantén só mediante un sistema literario. Mantense cun orgullo derivado da riqueza e dunha maneira de estar no mundo. Non podemos facer coa lingua o que se fai coa educación, desbordala, ateigala de deberes e débedas. O país existe por obra e graza tamén do resto de partes do corpo dos galegos e das galegas ademais do seu exercitado músculo bucal. Hai unha estética e unha ollada que nos din que aquí, sobre a terra, nesta marca de terra aberta ao mar e ao misterio do chan, hai beleza e hai un lugar que nos coloca no mundo, e precisamos máis referentes doutras áreas vitais, de riqueza e prosperidade. Un país de poetas é estupendo, pero tamén o é un lugar de enxeñeiros, médicas, avogados e carpinteiros que formen parte dese proxecto cultural, sempre popular e non de elite pechada.

A palabra “normalización” é algo extraterrestre. Ocórrelle a esta o mesmo ca “rural”, fala máis do estado ca da xente. Unha lingua non é algo a normalizar, é algo a naturalizar, cando é natural e sen propiedade política nin privada. 

Unha lingua non se naturaliza facendo da propia lingua unha causa; normalízase cando serve de vehículo natural para unha sociedade que se percibe como culturalmente rica, creativa e capaz de facer cousas no mundo.

O sistema céntrase, si, xa moito máis no patrimonio ou no territorio, pero as máis das veces é coa escusa da memoria histórica do século XX, sen entrar coa mesma forza na memoria histórica do ano 1000 a. C. ou na de antes de 1931. Non se trata de borrar unha memoria para substituíla por outra, senón de entender que un país non comeza sempre no mesmo punto e tampouco pode mirarse eternamente desde unha única ferida. E será por tradición de vitorias malferidas aquí! Hai pouco saíu material sobre un feito impresionante do século XIX, o dos mártires liberais de Carral, nun documental de César Caramés: 1846. A revolución galega. Iniciativa así, sen entrarmos hoxe en carnés ideolóxicos, abren o abano de oportunidades de contar cousas novas.

A música contemporánea está a soportar tamén hoxe, grazas a Deus, parte da carga disto de soster unha comunidade xunguida no territorio e na beleza. Pero non é suficiente Cando a Real Academia Galega, en tempos de Víctor Freixanes, nos chamou á realizadora e fotoxornalista Paula Quiroga e a quen lles escribe semanalmente para facer unha serie sobre referentes en lingua galega, tiñamos claro un obxectivo de saída: falarmos de ciencia, de deseño, de artes escénicas, de música, de cinema, todo en galego, pero non tocar por unha vez a literatura e só a literatura. Teñen aquí a compilación: https://youtube.com/playlist?list=PL2zWGrwz62bY8oh7knvxSymiLAL_6UrL6&si=egBPD04p5JIRNBlm

E aínda nos quedaron cousas no tinteiro do tempo! O mundo da rede e do virtual, hoxe o da IA; o mundo da empresa; o mundo da cociña, ese esquecido nas páxinas da prensa e tan cutre ás veces no Instagram farturento, cheo de rapaces de pelo mohawk falando coa boca chea de croquetas. O galego, en fin, non como un imperativo kantiano en si mesmo —tan materialista e aburrido—, senón como o escenario para facer posible unha vida plena. Igual era esa a mellor política normalizadora.

Coido que aquel equipo seguimos hoxe pensando o mesmo: unha lingua é rica cando o seu país sabe que é rico en moitas cousas, amén do mindoniense e cunqueirián “rico en augas e latín”.

Unha lingua e unha cultura precisan dunha sociedade civil capaz de levalas como herdanza e ferramenta apartidista, precisan deempresas, laboratorios, estudos de deseño, cociñas, escenarios, pantallas, arquitectura, música e maneiras de vivir. O máis difícil está feito: xa existen e fan cousas! Vexan o citado documental, o proxecto Sementeira, de Sandra Ortega e Teresa Táboas; o xigante das cousas pequenas, o xenetista Ángel Carracedo; os soños de edificios e espazos que non puideron ser e os que foron que nos leva á pantalla o Centro Infográfico Avanzado de Galicia, o CIAG; os calmos e fermosos Creus e Carrasco, coa súa arquitectura próxima e moderna… Precisamos que o país se recoñeza como rico non só na súa palabra, senón tamén na capacidade de facer cousas no mundo e que xa están aquí, non é unha débeda, é algo que procura espazo nos medios.

Dilles todo isto alguén de letras.

Outros artigos

“El anfiteatro de un pícaro”. José Castro López

Guardo en una carpeta noticias tan extrañas y sorprendentes que no serían creíbles comoverdaderas si no aparecieran publicadas en periódicos serios. Bueno, pues hace unosdías incorporé a ese peculiar archivo la historia de Franco Malosso, un ciudadano de lasiempre...

+

“Saúde pública en Europea” – José Manuel Pena

O beber demasiado alcol, o fumar, o non facer exercicio, o abusar das drogas ou o comer alimentos que nos fan dano, son algunhas das ameazas para a nosa saúde que provén do modo e o estilo de vida de cada un de nós. Resulta extraordinariamente preocupante de que o...

+

“CRÓNICAS RIBEIRENSES: Pezzo número 1, fuoco!” – Antón Luaces

Era funcionario do sindicato vertical franquista. E desde os vellos tempos (anos 50 do século pasado) xogaba con Moncho "Mocas" (daquela un dos poucos perruqueiros de Ribeira) a quiniela semanal que se selaba exclusivamente no café de Núñez, sito na rúa Rosalía de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El teatro contra el algoritmo”. Alberto Barciela

“El teatro contra el algoritmo”. Alberto Barciela

¿Qué es comedia?, se preguntaba Agustín de Rojas allá por el siglo XVI, y él mismo se respondía con la voz del artesano: “Una pintura viva, un espejo de las costumbres, un espejo de la vida, un retrato de las verdades, una imagen de las virtudes, un aviso de los...

“Coma en Bizancio”. Xosé Antonio López Silva

“Coma en Bizancio”. Xosé Antonio López Silva

O 1 de setembro comeza o ano.Non hai discusión posible se un repara no que sucede nas casas estes días. Desfanse as maletas tras o descanso do verán, aínda que hoxe hai quen fale, en tecnicismo, de vacacións desestacionalizadas ou esas microvacacións que traen consigo...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.