
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) celebrou este 3 de agosto o segundo e último sorteo da campaña Quincenas Fantásticas 2026, poñendo o ramo a unha das edicións máis exitosas desde a posta en marcha desta iniciativa de dinamización comercial.
A ABE informou no seu balance que durante a segunda quincena da campaña, desenvolvida entre o 17 de xullo e o 2 de agosto, rexistráronse 2.348 tíckets de compra, unha cifra practicamente idéntica á acadada na primeira quincena, na que se contabilizaran 2.353 rexistros.
En conxunto, a campaña pecha esta edición con 4.701 participacións, “converténdose na edición con maior número de rexistros da historia desde que a campaña se desenvolve en formato de dúas quincenas”, lembrou a asociación.
A evolución da campaña nos últimos anos confirma a súa consolidación e crecemento continuo:
· 2021: 2.469 participacións (catro quincenas)
· 2022: 3.890 participacións (catro quincenas)
· 2023: 6.346 participacións (catro quincenas)
· 2024: 3.588 participacións
· 2025: 4.395 participacións
· 2026: 4.701 participacións (novo récord histórico no formato de dúas quincenas)
No sorteo celebrado esta mañá repartíronse os últimos 500 euros en Bonos ABE, distribuídos do seguinte xeito:
· 1º Premio – 250 €: María Jesús Silva, por unha compra realizada en Supermercado Mercamás.
· 2º Premio – 150 €: Rosa Sánchez, por unha compra realizada en Miniklass Tenda Infantil.
· 3º Premio – 100 €: María Carrera, por unha compra realizada no Café Literario Ágora.
O presidente da Asociación Boirense de Empresas, Daniel García, destacou “a excelente resposta” obtida nesta edición e sinalou que “rematar a campaña cun total de 4.701 participacións supón un resultado extraordinario. Máis alá do récord, o máis importante é comprobar que miles de persoas continúan confiando no comercio de proximidade e participan activamente nas iniciativas que organizamos para premiar esa fidelidade. Estes datos demostran que o comercio de Boiro segue sendo un referente e que as campañas da ABE continúan xerando un importante impacto na actividade dos nosos establecementos.”

Dende a ABE queren agradecer a implicación dos máis de 220 establecementos participantes, así como a confianza da clientela, “cuxa resposta permitiu superar amplamente os rexistros das últimas edicións e converter esta campaña nun novo éxito colectivo”, indicaron.
As Quincenas Fantásticas 2026, financiadas pola Xunta de Galicia dentro das accións de apoio ao comercio de proximidade, consolidáronse un ano máis como unha das campañas de dinamización comercial con maior participación do municipio, contribuíndo a incentivar as compras no comercio local e a premiar a fidelidade da veciñanza e das persoas que escollen Boiro para realizar as súas compras durante o verán.




