O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM, celebrará en Rianxo este verán a súa undécima edición. A programación de espectáculos celebrarase entre os días 18 e 23 de agosto cun cartel que levará até Rianxo a historia viva do noso teatro de monicreques. Tanxarina, Os Monicreques de Kukas, Trécola e Viravolta, formacións todas elas con máis de corenta anos de traxectoria, pasarán polo Titiriberia para atoparse co público rianxeiro.

Tanxarina, compañía encabezada por Miguel Borines, Tatán e Andrés Giraldez, ensina xa e até comezos de setembro no Auditorio de Rianxo o seu dilatado periplo artístico na exposición Tanxarina 40 anos de Monicreques. Os integrantes desta compañía ofrecerán varias visitas guiada.
Trécola, pola súa banda, protagoniza cos seus bonecos a mostra que cada ano se instala nos escaparates de diferentes comercios pertencentes á Asociación Rianxeira de Empresas (ARE). Ademais, esta formación nacida en 1981 da man de Fernanda Cabrera Varela e Rafael Vázquez Núñez e que agora continúa grazas á segunda xeración desta familia titiriteira representada por Ero Vázquez Cabrera e Isa García Coldeira, actuará no festival con espectáculos como Treco-Leiras ou Pituquito Literal.

Viravolta, compañía fundada en Lalín en 1982 por Anxo García, Xulio Balado e Pilar Álvarez, abrirá o martes 18 de agosto xunto a Títeres Alakrán e a formación musical Vai de roda o cartel deste ano do festival coa súa ruada A festa dos Títeres. Ademais, Viravolta ofrecerá xogos na xa tradicional Feira Vella que Titiriberia instala en cada edición no Campo de Arriba de Rianxo.

Por último, os Monicreques de Kukas, formación decana creada en 1979 por Marcelino de Santiago e Isabel Rei, representará entre outras a súa montaxe O carteiro de Ximaraos, unha coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) baseada nunha obra de Carlos Labraña. Esta peza mestura realidade e fantasía para abordar o impacto emocional do alzhéimer nas familias a través da relación entre un avó e o seu neto

A presenza galega, que inclúe un total de nove formacións, nútrese doutros grandes nomes do xénero dos monicreques como son Títeres Alakrán, Seisdedos, Babaluva ou Diáspora. Completa a relación Teatro Airiños, que regresa neste 2026 ao cartel de Títiriberia. O histórico grupo de teatro rianxeiro estreará Retrincos: Sabela e Peito lobo, un achegamento escénico a estes relatos da obra de Castelao.

Formación
Cada ano, Titiriberia ofrece -tanto ao sector profesional como ao público afeccionado aos monicreques- cursos de formación para achegarse a esta disciplina artística ao abeiro da Escola de Títeres Barriga Verde. Este ano impartirá un curso o mestre portugués José M. Valbom Gil, de S.A.Marionetas. Desenvolverase entre os días 21 e 23 de agosto e nel achegaranse nocións básicas do Teatro Dom Roberto, forma portuguesa do títere de cachaporra estreitamente vinculado ao noso Barriga Verde. O prazo de inscrición remata o 15 de agosto e xestiónase a través do correo electrónico info@barrigaverde.eu. Toda a información no web do festival: www.titiriberia.com.




