A Xunta de Goberno adxudica por 118,8 millóns e 13 anos a xestión dos autobuses á UTE formada por Alcalabus, Castromil e Urbanos de Lugo, que recuperará o histórico deseño azul e crema.
Compostela prepárase para dar un salto cualitativo histórico na súa mobilidade cotiá. A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves en sesión extraordinaria a adxudicación definitiva do novo contrato de transporte urbano á UTE integrada por Alcalabus, Castromil e Autobuses Urbanos de Lugo. A concesión, que se estenderá durante os vindeiros 13 anos por un importe total de 118,8 millóns de euros —preto de 10 millóns por debaixo do orzamento de licitación—, porá fin a anos de espera e significará, en palabras da rexedora, Goretti Sanmartín, «un cambio radical» para a capital galega.
A tramitación entra agora na súa fase final: tras o prazo legal de 15 días hábiles para a sinatura do contrato, a adxudicataria disporá dun máximo de tres meses para activar o dispositivo. Se os prazos se cumpren segundo o previsto polo Goberno local, os novos itinerarios, as liñas alimentadoras do rural, o servizo nocturno e as melloras tecnolóxicas estarán a funcionar a pleno rendemento antes de que remate o ano.
Tanto a alcaldesa como o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, defenderon este importante investimento público como a eixe central para reducir a dependencia do vehículo privado e garantir unha rede máis eficiente, puntual e con prezos accesibles.
Unha transición accesible e a volta aos cores tradicionais
O servizo botará a andar cunha flota provisional con 7,9 anos de antigüidade media que xa incluirá 15 vehículos 100% eléctricos e que permitirá aumentar a capacidade da rede das 4.951 prazas actuais ás 6.150. Todos os autobuses disporán de piso baixo integral, sistema de inclinación lateral e melloras de accesibilidade, como dobre ranpa (manual e automática) en 40 deles e sistemas de guiado óptico-acústico no 40% da flota.
No prazo máximo dun ano incorporaranse os vehículos definitivos, que sumarán conexión wifi de seu, puntos de recarga USB, información en braille, tecnoloxía Navilens e pictogramas adaptados para persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA).
Máis aló da mellora técnica, o novo transporte traerá consigo un guiño á memoria visual da cidade: os autobuses vestiranse de novo coa emblemática combinación de cores azul e crema que dominou as rúas compostelás ata os anos noventa, rematada cunha franxa vermella en homenaxe á bandeira de Santiago.

Novo mapa de liñas: “Transantiago”, autobús nocturno e impulso ao rural
A reorganización do mapa de liñas busca eliminar duplicidades e estender a cobertura a zonas ata agora desatendidas. Entre as principais novidades figura a liña «Transantiago», que conectará os límites municipais co Milladoiro e Sigüeiro con frecuencias de paso cada 30 minutos.
O medio rural gañará un peso determinante con tres liñas alimentadoras específicas que conectarán as parroquias do norte (Barciela, Busto, Nemenzo, Berdía…), do oeste (Santa Cristina e San Xoán de Fecha, Brins…) e do sur (Marrozos e O Eixo) co casco urbano, permitindo aos usuarios realizar ata dous transbordos gratuítos.
- Servizo nocturno: Operará de mércores a sábado, entre as 23:00 e as 05:00 horas, mediante dúas liñas circulares que unen Fontiñas, a zona hospitalaria, o Campus Sur, Vite e o Campus Norte.
- Polígonos e Aeroporto: A lanzadeira coa terminal de Lavacolla manterá saídas cada media hora (de 07:00 a 00:30 h), mentres que a conexión coas áreas industriais ampliará a súa xeira dende as 07:00 ata as 23:00 horas.
A dixitalización completará o cambio de era: unha nova aplicación móbil conectada ao Sistema de Axuda á Explotación informará en tempo real —con datos actualizados cada cinco segundos— sobre percorridos, localización exacta dos buses, tempos de espera e o nivel de ocupación de cada vehículo.




